14 de agosto de 2026
O festival entra na súa fase final con unha mostra que recolle as adaptacións das obras de Paul Preston a banda deseñada realizada por José Pablo García
A Casa Museo Casares Quiroga foi o escenario da inauguración da mostra "La guerra civil de Paul Preston, do libro á novela gráfica", da autoría de José Pablo García, que se enmarca dentro da programación do festival Viñetas desde o Atlántico.
No acto celebrado esta mañá participaron o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, o director do festival, Manel Cráneo, o autor, José Pablo García, e Antonio, o artesán de Enxógate que elaborou o móbil que representa o bombardeo de Guernica relatado nunha das obras da mostra.
Gonzalo Castro destacou que "as obras de Paul Preston axudaron a varias xeracións a comprender a Guerra Civil, a destrución de Guernica e a ditadura fascista. E a banda deseñada amosa, unha vez máis, que é unha ferramenta para pensar, aprender e conversar. Unha viñeta pode deter a mirada nun feito que ás veces unha cifra ou unha páxina de texto deixan pasar. Pode humanizar a historia, amosar as consecuencias concretas da violencia e axudarnos a formular preguntas necesarias".
Pola súa banda, Manel Cráneo fixo especial fincapé na relevancia que a memoria histórica ten na programación desta 29ª edición do Viñetas, ao tempo que puxo en valor a calidade do traballo do autor, nunha obra que abarca a adaptación a novela gráfica do traballo do historiador Paul Preston en tres volumes distintos: La Guerra Civil española, La muerte de Guernica e Franco.
Cráneo destacou o elevadísimo nivel das 24 mostras que compoñen este ano a sección expositiva do Viñetas e apostou pola necesaria expansión do festival a novas sedes coma esta, no seu crecemento natural que permite que cada ano chegue a máis público.
Outro dos elementos que destacou foi a relevancia da colaboración entre a Asociación Galega de Artesáns e o Viñetas, froito da cal, tanto nesta mostra como nas que ocupan o Kiosco Alfonso, diferentes artesáns "sacaron" das viñetas elementos e personaxes variados dándolles corpo. No caso concreto da exposición da Casares Quiroga, os/as visitantes poderán ver un colgante cun avión lanzando bombas, extraído do libro de Guernica, elaborado por Antonio, do obradoiro de artesanía Enxógate, que acudiu tamén á inauguración.
O autor, José Pablo García, relatou na visita guiada, que dedicou varios anos a estes traballos de adaptación e documentouse a través de fontes moi variadas. O creador contou que, a pesar de tratar unha temática similar, "hai moitas diferencias entre as dúas primeiras, La guerra civil española e La muerte de Guernica e a terceira, a de Franco, que é máis caricaturesca e ten toques de humor sutil. Porque tiña moi presente que ler unha biografía dun personaxe como Franco sen que haxa toques que o alixeiren sería demasiado árido".
A mostra poderá visitarse ata o 27 de setembro na que é nova sede de exposicións do Viñetas neste ano 2026, a Casa Museo Casares Quiroga, na rúa Panaderas.
Viñetas en datos
Máis de 70 autores e autoras estarán na Coruña ata o 16 de agosto para participar en 24 exposicións (que se prolongan ata finais de setembro) e unha ampla programación entre as que se contan obradoiros, charlas, clases maxistrais, pódcasts, espectáculos en directo, visitas guiadas e actividades pensadas para toda a cidadanía -dende pequenos ata adultos- e para público especializado.
Viñetas desde o Atlántico mantén en 2026 as súas principais seccións que acompañan aos visitantes na súa experiencia no festival: Viñetas Expo; Viñetas Mini, con obradoiros diarios para público infantil, unha proxección cinematográfica e unha proposta teatral; Viñetas Show, cun concerto ilustrado, dúas proxeccións, unha obra teatral e dúas xornadas dedicadas a podcasts especializados de Galicia, Madrid e Cataluña; Viñetas Pro, con dúas clases maxistrais e unha sesión de revisión de proxectos para autores/as; un encontro e dúas expos para Viñetas inclusivas e a extensa programación de Rúa BD que conta con 38 casetas entre as que figuran as de 18 editoriais procedentes de todo o estado presentando novidades e dinamizando este espazo vital do festival. Pero ademais, en 2026 incorpórase a nova sección que pon en valor o traballo da Bibliotecas Municipais da Coruña arredor da banda deseñada, Viñetas Biblio.
Amplísima oferta expositiva
A edición abriuse da man da colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, coa expo que adiantou a eclipse na Coruña coas viñetas máis artísticas na expo Eclipse de viñetas, na que dez autoras e autores locais Xulia Pisón, Diego Burdío, Paula Esteban, Uxía Larrosa, Xulia Vicente, Jorge Peral, Marcos Calo, Luis Yang e Paula Mayor, con Jordi Bayarri como autor convidado) reinterpretan dende a súa mirada a historia científica e artística das eclipses.
Dende xullo está aberto un dos recintos que máis público recibe sempre no Viñetas; a sala Palexco é a sede das mostras de Jacobo Fernández e da colección de Raúl García. Na primeira delas percorreremos o universo persoal do creador da illa remeira máis coñecida da banda deseñada en España. Esta mostra conta tamén coas dúas novas figuras que se incorporaron á colección do salón: Marcopola e Dragoneta. Mentres, na exposición Un paseo por Springfield. Os Simpsons na colección de Raúl García, lévanos da man a unha mostra de merchandising e libros dos cómics da famosa serie, con algúns debuxos orixinais e dedicatorias do propio Matt Groening. Raúl García traballou en varios capítulos da serie norteamericana e foi o primeiro animador español en traballar para Disney.
Memoria social e banda deseñada
Xusto a carón, no epicentro do festival, o espazo expositivo do Kiosco Alfonso énchese cunha ampla representación de obras de autores e autoras internacionais e estatais unidos por un nexo: a memoria democrática e social. Así, os/as visitantes poden desfrutar na planta baixa da mostra centrada na loita sindical e feminista europea coas obras La virgen roja e Sally Heatchcoat sufragista, de Bryan Talbot e Mary M. Talbot e Jiujitsufragistas, de Lisa Lugrin e Clément Xavier; e na primeira planta, a mostra Memoria democrática e social na España do século XX coas obras O eco dos días rotos, de Alberto Taracido; Que el fin del mundo nos encuentre bailando e La piel como única bandera, de Sebas Martín; o xa histórico Paracuellos, de Carlos Giménez; Aquí donde estoy, de Tyto Alba e María Castro, e Caridad del Río, de Pep Brocal.
O programa expositivo complétase coas mostras de Miguel Robledo -autor do cartel desta edición- en María Pita; Humanos, a Roya é un río, dos franceses Troubs e Baudoin, na Casa Museo Picasso; os premios Castelao na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, Elas son fantásticas, autoras galegas de banda deseñada deste xénero, no mesmo espazo; a exposición de ExpoFanzines de Autobán, na Biblioteca de Estudos Locais; Stons, de Xulia Pisón, na Casa Museo María Pita; unha exposición bibliográfica nas Bibliotecas Municipais, Trazos de memoria, e a incorporación da Fundación Luis Seoane como nova sede do festival coa expo Cómic palestino. Voces propias. Grito colectivo.
Ademais diso, o Viñetas paralelas de 2026 conta con cinco sedes colaboradoras: o Circo de Artesáns, cunha expo de colectivos de banda deseñada portugueses, o Bar 13, con Óscar Lojo, a Pulpeira de Melide, con unha expo Pulpos de cómic, a cervezoteca Malte con Amair, e Tranvía, con unha exposición de Fento Studio.
Máis de 100 actividades para todos os públicos
Especialmente rica é neste Viñetas 2026 a extensa programación de actividades pensadas para todas as idades e intereses e que se distribúen entre as distintas seccións do festival. Más de 100 propostas entre as que se contan obradoiros, cine, teatro, charlas, visitas guiadas, gravación de podcasts, espectáculos radiofónicos, un concerto ilustrado, encontros con autores e autoras, sinaturas e maratóns de debuxo.
Moitas destas propostas son parte central da programación da Rúa BD, con 38 stands que ocupan librarías, editoriais e entidades diversas entre as que se conta o papel central das Bibliotecas Municipais. Este espazo, ubicado diante do Quiosco Alfonso, será sen dúbida, o epicentro da actividade do festival nesta semana.
Entre esta apertada axenda destacan, a revisión de proxectos coa colaboración de editoriais, con convocatoria xa aberta a través dun formulario para calquera debuxante interesado/a, e os podcasts que se gravarán durante a semana do festival coa colaboración de Campamento Kripton, El diario de Kovacs, Freakland e El Nicho.
Toda a programación pode ser consultada en www.vinetasdesdeoatlantico.com.

19 de xullo de 2026

9 de xullo de 2026

29 de maio de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible