Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de febreiro de 2019

Xiao Varela solicita, na súa intervención nun foro en Valencia, "que o goberno do Estado dispense o mesmo trato á cidade da Coruña na condonación da débeda do Porto"

O responsable municipal de Rexeneración Urbana participou esta mañá nas xornadas ‘Novos Vellos Portos’, promovidas polo Consorci València 2007, nas que avogou por un cambio de modelo normativo “para que os peiraos manteñan a súa titularidade pública”

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, participou este venres en Valencia no foro Novos Vellos Portos, iniciativa na que A Coruña é unha das cidades convidadas e que pretende abordar as posibilidades produtivas e o valor patrimonial dos terreos portuarios. Durante a súa intervención, o edil reivindicou que "A Coruña reciba o mesmo trato que Valencia" por parte do Goberno do Estado, en relación á condonación da débeda ao Consorci València 2007, entidade organizadora do foro, e que se contempla no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para este 2019. "O Atlántico merece ser tratado igual que o Mediterráneo. O goberno do Estado debe poñer en marcha os mecanismos oportunos e necesarios que faciliten a condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña ou medidas equivalentes para que esta deixe de ser un lastre para a cidade e non derive, polo tanto, na venda da fachada marítima como fórmula para tratar de compensar esa inxente débeda", sinalou o concelleiro.

O responsable municipal deu a coñecer a situación actual dos peiraos interiores da Coruña, ademais do traballo iniciado este mandato polo goberno local co obxectivo de recuperar a titularidade pública dos terreos portuarios, como a modificación do PXOM no ámbito da Solana, ou a posta en marcha dun concurso de ideas sobre o bordo litoral, para fomentar o debate e o deseño participado, da man de toda a veciñanza, dos usos da fachada marítima da cidade. "Nestes últimos catro anos desde o Concello da Coruña impulsamos un cambio diferencial de rumbo do que outros pensaran para a cidade, hipotecando o seu futuro. Na Coruña mudou a vontade popular e política. Púxose en cuestión os convenios de 2004 e reclamouse un espazo de oportunidade, como é o uso cidadán dos peiraos de San Diego, Calvo Sotelo e Batería", aseverou Varela.

Titularidade e xestión pública

Durante a súa participación no parladoiro Ligando litorales y frentes marítimos. Un diálogo entre Barcelona y A Coruña, na que compartiu espazo coa responsable de Ecoloxía, Urbanismo e Mobilidade do Concello de Barcelona, Janet Sanz Cid, Varela solicitou tamén unha modificación lexislativa "que permita que os terreos que deixen de ter uso portuario non poidan ser desafectados e, polo tanto, enaxenados". "Pedimos ao goberno do Estado o que estamos a reclamar desde hai case catro anos na Coruña, que os peiraos manteñan tanto a titularidade como a xestión pública", expuxo o responsable municipal.

Varela tamén interveu na mesa redonda do peche institucional do foro Novos vellos portos, na que compartiu conclusións e reflexións coa tenente alcalde de Barcelona, Janet Sanz, o alcalde de Alacante, Luis Barcala, o conselleiro de Facenda da Generalitat Valenciana, Vicent Soler i Marco, e o director xeral de Marina València, Vicent Llorens.  

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión