28 de outubro de 2015
O alcalde lembra que "abonar as facturas das persoas que se acollan a este subsidio directamente aos provedores será a fórmula máis habitual de pago, por ser a máis operativa, aínda que hai máis alternativas"
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, lembrou hoxe en rolda de prensa que o proxecto da Renda Social Municipal impulsada polo Goberno local contempla, como forma de pago máis habitual, “que o Concello abone directamente as facturas dos e das beneficiarias deste subsidio aos provedores, garantindo desta forma a cobertura continua das súas necesidades básicas”. Non obstante, se ben esta é a fórmula máis operativa (así foi consensuada cos e coas traballadoras sociais), “non é a única que está contemplada, senón que hai máis alternativas, como o pago directo”. O rexedor insistiu en que a axuda que proxecta o Executivo municipal “está ideada para atender situacións máis alá daquelas relativas á exclusión extrema”.
“A forma prioritaria de pago será a provedores, porque entendemos que é a máis operativa, pero non é a única. Cando falamos da Renda Social Municipal non podemos falar só de casos de exclusión social extrema, aínda que estos son, por suposto, os prioritarios. Hai veciños e veciñas en condicións de optar a este subsidio que pretende impulsar o Goberno local que poden ter, por exemplo, un traballo a tempo parcial, aínda que os seus ingresos non chegan ao limiar que se considera que garante unha vida en condicións dignas. A renda social ten que ir moito máis alá das situacións de extrema pobreza”, explicou.
O proxecto da Renda Social Municipal forma parte dun dos principais compromisos de goberno do actual Executivo coruñés. Esta axuda irá destinada, salvo excepcións, a persoas maiores de 18 anos, empadroadas na cidade e en risco de exclusión que non teñan acceso á Renda de Integración Social de Galicia (Risga), ou a outros subsidios autonómicos. Este subsidio servirá para dar cobertura ás necesidades básicas e de aloxamento, entre as que se contemplan a relacionadas coa alimentación diaria, vestiario e coidados básicos persoais e da vivenda, gastos de aloxamento, cotas de préstamo hipotecario ou o pago de habitacións.
“A crise económica e os cambios estruturais da economía provocaron a persistencia de grupos poboacionais en risco de pobreza e exclusión social, así como a aparición de novos perfís menos tradicionais, como é o caso das e dos traballadores pobres”, indica o proxecto da Renda Social Municipal. Esta situación xustifica, segundo o Goberno local, a posta en marcha de “medidas e recursos novos orientados á inclusión activa de persoas en situación ou risco de exclusión social”. A contía máxima deste subsidio será o 100% do IPREM (índice de referencia a nivel estatal que marca os límites para recibir axudas públicas) para unidades de convivencia dun único membro e irá aumentando en 20 puntos porcentuais por convivinte adicional até un máximo do 200% do IPREM.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible