31 de agosto de 2015
O rexedor da Coruña manterá un encontro coa anfitrioa, Ada Colau, con Manuela Carmena (Madrid), Martiño Noriega (Santiago), José María González Kichi (Cádiz), Pedro Santiesteve (Zaragoza), Joseba Asirón (Pamplona) e Dolors Sabater (Badalona)
Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, viaxará a Barcelona os próximos días 4 e 5 de setembro para participar nunha xuntanza e xornada de traballo de novos alcaldes e alcaldesas de varias das principais cidades do Estado Español, todas marcadas por un profundo cambio político despois das eleccións do pasado 24 de maio.
O rexedor coruñés representará á cidade na recepción oficial que a alcaldesa anfitrioa, Ada Colau, fará no Concello de Barcelona e na que, ademais de Ferreiro, tamén participarán a alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, o primeiro edil de Santiago de Compostela (Martiño Noriega), o de Zaragoza (Pedro Santisteve), o de Cádiz (José María González, 'Kichi'), o de Iruña/Pamplona (Joseba Asirón) e a de Badalona (Dolors Sabater). Todos e todas elas porán en común as súas experiencias no propio consistorio barcelonés. Ao día seguinte, alcaldes e alcaldesas poderán participar nunha xornada de traballo entre os equipos dos distintos concellos. Xulio Ferreiro pechará a súa axenda nos próximos días.
“Unha vez máis, demóstrase que A Coruña está na vangarda política do municipalismo do Estado, ao ser unha das cidades que participa nunha xuntanza que reúne a alcaldes e alcaldesas que representamos a case seis millóns e medio de persoas”, indica Xulio Ferreiro, que considera “relevante” o feito de “poder compartir experiencias, ferramentas, ideas e plans de traballo con tantos outros concellos, creando unha rede de cidades rebeldes e democráticas dispostas a devolverlle o protagonismo á xente e que consideran que entre elas debe primar a cooperación, non a confrontación gratuíta”. As políticas de participación, vivenda ou dereitos sociais serán algúns dos temas que se traten de forma específica nos encontros, que tamén facilitarán canles de comunicación estables entre os distintos concellos.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible