13 de novembro de 2015
O alcalde da Coruña indica, nunha entrevista radiofónica, que "canto maior consenso gañe o proxecto municipal para a humanización da Vedra, máis forza se poderá facer no traballo conxunto con Fomento"
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou este venres, nunha entrevista en Onda Cero, que o Goberno municipal “ten xa encamiñadas” todas as principais medidas comprometidas de xeito inicial no programa co que se presentou as eleccións. O rexedor comentou que, nestes momentos, o Executivo está a abordar “a renegociación da débeda municipal”. “Todo parece indicar que o ano que vén o Concello xa poderá pagar menos intereses, o que é unha moi boa noticia”, indicou o primeiro edil, que tamén recordou que este outono se irá “rematando, pouco a pouco, de poñer ao día o rueiro da Coruña para dar cumprimento a Lei de Memoria Histórica”, e que o ano que vén se porá en marcha a Renda Social Municipal. “Cremos que é unha das grandes medidas do mandato, precisamente porque vai beneficiar a un gran número de persoas en toda a cidade que se encontran en situación de necesidade”. “Creo que estamos nun grao de cumprimento do programa moi aceptable, e penso tamén que isto en política é unha novidade”, explicou.
Por outro lado, Ferreiro comentou, a respecto da primeira reunión de carácter bilateral para a remodelación da Avenida da Vedra que a semana que vén manterán técnicos municipais con homólogos do Ministerio de Fomento (e na que estará presente o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela) que “cada vez existe un consenso maior na cidade con respecto a proposta municipal”. “Se sabemos o que queremos, e temos o visto e prace de tantos sectores, teremos máis forza para propoñer a Fomento que apoie a nosa liña de traballo, como tamén a apoiaron todos os grupos da oposición, agás o PP”, indicou o alcalde, que engadiu que, na súa opinión, a postura que está a adoptar a formación municipal do Partido Popular “é demasiado cortoplacista, xa que coa remodelación deste vial nos xogamos moito para o futuro dos barrios e para o futuro da cidade”. “Cremos que, en xeral, no Ministerio houbo sensibilidade coa nosa proposta. O que está claro é que os intereses esenciais que se deben defender son os dos veciños e veciñas, non os da concesionaria da AP-9, xa que esta obra, ao final, a pagamos todos os veciños e veciñas, vía peaxe”, argumentou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible