5 de novembro de 2015
O alcalde asegura que Fomento dá pasos, pero é insuficiente e temos que seguir falando
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, valorou na mañá deste xoves como “insuficientes” os avances dados polo Ministerio de Fomento en relación ao proposta do Goberno local para a remodelación da avenida da Vedra e demandou “flexibilidade” ao Goberno estatal nos prazos para poder acadar un consenso. “Fomento da pasos, ao incluír beirarrúas, carril bici, árbores… pero entendemos que é insuficiente e que temos que seguir falando”, manifestou o rexedor, quen chama ao departamento estatal a traballar en conxunto co Concello no proxecto. “Estámonos xogando ter unha avenida do século XXI, propia das cidades máis avanzadas de Europa ou seguir pensando en cidades feitas para os coches, nun momento en que ademais as cifras dinnos tamén que cada vez van menos vehículos por Alfonso Molina”, recalcou Ferreiro, quen lembrou que esta postura é coincidente coa do redactor do PXOM, o urbanista Joan Busquets.
“Debemos planificar a vinte ou trinta anos como queremos que sexa o que hoxe é a entrada da Coruña, iso debemos planificalo entre todos e todas”, apostou o alcalde, que considera que a contorna da Vedra “xá é, e será máis no futuro” un barrio máis da cidade e un enlace entre barrios. “Creo que esta é a realidade que hai, e entendemos que non podemos incluír entre os barrios da Coruña unha autoestrada de oito ou dez carrís; hai que deixar máis espazo para a xente, para outras formas de mobilidade, e niso imos seguir insistíndolle a Fomento”, avanzou.
Sobre as apelacións feitas desde Fomento ao proxecto municipal, o alcalde sinalou hoxe que se trata de cuestións “xenéricas”, que non aparecen fundamentadas. “Sería bo que nos sentásemos e que traballásemos sobre o plano e os deseños, para ver onde están os problemas concretos”, comentou Ferreiro, quen matiza que o Concello resolverá aspectos como o dos enlaces e os accesos, como o de Pocomaco.
Hortas Urbanas
Por outra banda, e a preguntas dos e das xornalistas, o alcalde confirmou que as hortas urbanas de Novo Mesoiro situadas na parcela que se lle entregará á Xunta para a construción do futuro colexio trasladaranse a unha finca próxima. “Hai zonas que urbanisticamente o permiten e vai ser moi sinxelo, non se vai causar ningún prexuízo ás persoas concesionarias, que ademais van deixar de pagar as taxas”, lembrou Ferreiro.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible