13 de novembro de 2015
O alcalde da Coruña galardonou, nun acto da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios, ao conductor de autobús Arturo Marcos Pérez Gómez, o rexedor de Abegondo, José Santiso, e á Cociña Económica
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou hoxe na entrega de premios do Día da Amizade, organizado pola Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios, que galardonou ao conductor da Compañía de Tranvías, Arturo Marcos Pérez Gómez, ao rexedor de Abegondo, José Santiso Miramontes, e á institución da Cociña Económica. Na súa intervención, o primeiro edil destacou o recoñecemento que merecen “ás xentes do común”. “Para un alcalde como min, estar aquí, celebrando unha palabra tan relevante como “amizade” e rodeado de xentes do común da Coruña é toda unha honra”, dixo Ferreiro.
Ferreiro destacou de Arturo Marcos Pérez Gómez que é un exemplo de amabilidade e dun concepto “tan importante” como a Participación Cidadá. “Arturo é o que de toda a vida nesta cidade chamamos ‘un buseiro’, con todo o bo que iso significa. Eu mesmo son un usuario do transporte público desta cidade, e polo tanto sei bastante sobre a amabilidade e a xenerosidade coa que os traballadores dos nosos autobuses desenvolven o seu labor, dedicación que ten no premiado de hoxe un dos seus maiores expoñentes”, dixo.
Tamén destacou a figura de José Antonio Santiso, alcalde de Abegondo,co que viña de reunirse este mesmo venres, no seu papel como presidente do Consorcio das Mariñas. “A Coruña cre na súa comarca. Non podemos poñer barreiras artificiais entre concellos, senón que é tempo de traballar en rede, sempre co fin último de mellorar a vida de veciños e veciñas, en certa forma coruñeses todos e todas, vivan en Monte Alto ou en Cambre, na Gaiteira ou en Abegondo. Sabe o alcalde que nesa liña ten aquí un aliado”, manifestou Ferreiro.
O alcalde coruñés tamén destacou, por último, á figura da Cociña Económica “como un emblema da cidade”. “É un modelo de conduta e traballo centenario, co que compartirmos a defensa dos desprotexidos, dos que menos teñen e máis necesitan, as persoas que desde o Concello consideramos unha prioridade e polas que loitaremos todo o necesario para que poidan acceder a unha dignidade que non é privilexio, senón dereito”, destacou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible