8 de xullo de 2015
O alcalde da Coruña cualificou de positivas as reunións mantidas con diversas aeroliñas que operan en Alvedro, ás que o Concello propón rebaixar o custe dos convenios de promoción turística
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asegurou este mércores que a cidade terá “unhas festas ao nivel que se merece”. “Haberá actividades de ocio, e de cultura para todos e todas, e ofreceremos alternativas suficientes para gozar das festas de agosto”, explicou o rexedor ante a prensa.
Non obstante, Ferreiro explicou que a intención do Goberno municipal é reconducir o orzamento de festas. “Non podemos permitirnos, nin creo que sexa socialmente entendible, seguir a gastar o que se gastaba estes últimos anos nas festas”, dixo o alcalde. Cabe recordar que, nestes momentos, o Concello presenta problemas de liquidez derivados da xestión e os gastos do anterior Goberno municipal do PP.
En canto á non inclusión das chamadas Casas Rexionais no programa de festexos deste ano, Ferreiro manifestou que a Concellería de Cultura de José Manuel Sande estuda alternativas. O alto custe que tiña esta actividade para a veciñanza da Coruña foi determinante, segundo indicou o alcalde.
“Fomos os primeiros sorprendidos ao saber o custe que tiña para o Concello este certame, e que chegaba aos 70.000 euros. Unha cantidade moi elevada nunha actividade que, ademais, xa era polémica, porque os hosteleiros entendían que se enfrontaban a unha competencia a maiores durante a época estival que, por riba, estabamos a pagar todos”, resolveu Ferreiro.
Reunión co presidente da Xunta
Con respecto á reunión que o alcalde coruñés mantivo no día de onte co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, Ferreiro cualificou o encontro de “cordial”, se ben houbo cuestión nas que ambos puideron entenderse, e outras nas que o consenso “non foi tanto”.
“Falamos da situación do CHUAC e das urxencias hospitalarias na Coruña e aí non se amosou moi de acordo con que houbese un problema”, explicou o rexedor. “Expliqueille que na cidade existe a percepción de que hai un problema, así o din os sindicatos e moitos pacientes e veciños”, engadiu. “Eu sei o que a cidade nos di, e di que hai colapsos en ocasións. Hai que estudar o problema e solucionalo”, dixo.
Por outro lado, e preguntado polas reunións que este martes mantivo, xunto ao concelleiro de Emprego e Economía Social, cos representantes das aeroliñas Iberia, Globalia e Vueling, Ferreiro explicou que se negociaron “certas rebaixas” nos convenios de promoción turística. “Conseguimos ademais o compromiso das aeroliñas de que seguirán a operar en Alvedro e manterán rutas, o cal creo que é positivo”, explicou.
“O noso é un aeroporto máis de negocios que turístico, polo que creo que é importante e beneficioso o acordo ao que se chegou de que a publicidade de Alvedro estea presente en todos os touroperadores das aeroliñas, mais alá dos vóos. Se ademais podemos facer isto e poñer menos cartos, moito mellor aínda”, indicou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible