10 de novembro de 2015
O alcalde saúda o apoio maioritario, acadado onte no Pleno que recibiu o proxecto municipal de humanización da avenida, así como a aposta por iniciar un fondo proceso de diálogo con Fomento
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou este martes, con respecto ao proxecto de remodelación de Alfonso Molina que “cada vez máis, se vai notando na cidade a necesidade de que este plan se aborde con calma, e que estudiemos e reflexionemos moi ben sobre o que queremos para esta avenida, xa que nos xogamos a forma na que se organizará a nosa cidade nos próximos vinte ou trinta anos”. O rexedor tamén se felicitou polo feito de que o Pleno municipal aprobase onte unha moción a favor da “humanización” da Vedra e que aposta por levar a cabo un fondo proceso de diálogo entre o Concello e o Ministerio de Fomento á fin de escoller a opción que máis conveña á veciñanza. “Este tema merece un debate moi reflexionado e pausado, e que non intentemos tirarnos uns a outros a avenida á cabeza, porque do que falamos é do interese da cidade, é de decidir que tipo de cidade queremos”, insistiu. “Por iso deberiamos ser quen de falar e chegar a consensos”, indicou.
Por outro lado, e preguntado polos xornalistas na súa participación nunhas xornadas sobre estratexia empresarial en Palexco, o rexedor apuntou que o Goberno local espera manter contactos esta semana con Fomento acerca do grupo de traballo conformado por técnicos municipais e do Ministerio para analizar os proxectos de remodelación do vial e ver como se organizará. “Repito que en Fomento sempre vin sensibilidade ata este último informe, que curiosamente non estaba feito en Madrid, senón na Coruña. Temos que sentarnos e falar, xa que todos e todas somos xente razonable”, dixo Ferreiro.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible