Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de setembro de 2015

O alcalde da Coruña reuníuse co concelleiro do grupo popular, Carlos Negreira, ao que pediu "lealdade institucional".

Xulio Ferreiro: "O Goberno local ten vontade de diálogo"

"O Concello non necesita do apoio do Pleno para achegarse aos grupos do Congreso e do Senado e solicitar emendas nos orzamentos, pero cremos que sería beneficioso ir todos xuntos neste asunto. Estamos a falar de temas estratéxicos para a cidade, como a intermodal ou a Ría do Burgo", explicou o rexedor.



O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, mantivo na mañá deste xoves unha xuntanza co portavoz municipal do PP, Carlos Negreira, no marco das reunións bilaterais que está a ter con todos os grupos con representación no Concello de cara a preparar o inicio do curso político. Na entrevista que ambos os dous políticos levaron a cabo, o rexedor amosou a vontade de diálogo do Goberno local, aínda que advertiu de que o PP debe tamén “establecer que relación quere co Executivo local”. “Se vai estar ancorado na descualificación persoal, no ‘todo está mal’ e no insulto, será complicado chegar a acordos”, expuxo.

“Entendemos que o PP e este Goberno teñen visións distintas da sociedade e da cidade. A confrontación política é normal, pero hai que manter uns mínimos de funcionamento para chegar a acordo”, indicou Ferreiro, para engadir: “Se alguén só quere confrontación, non pode pedir diálogo”. “Se un chega e di que o Pleno do próximo luns está baleiro de contido, creo que non está a amosar a lealdade institucional necesaria. Estamos a falar dun Pleno no que se van tratar dous asuntos estratéxicos para a cidade, como o son os terreos da Mariña ou o tratamento do municipio nos orzamentos xerais do Estado. Será ademais a primeira vez que a cidadanía poida falar na Cámara, algo que até o de agora lle fora negado”, exemplificou. “Pero se todo o que veña do Goberno local vai estar mal para o PP, será difícil entenderse”, resumiu.

O alcalde coruñés deixou claro que a intención do seu Goberno é que todas as formacións políticas con representación no Concello participen daquelas iniciativas que son de interese xeral para toda a cidadanía. “Na reunión, explicamos diversos asuntos estratéxicos de cidade que abordaremos nos próximos meses e nos que estamos abertos a recibir a colaboración dos demais grupos, se a queren dar”, dixo.

En base a esa chamada a participación de todos os partidos para asuntos de interese xeral para A Coruña, Ferreiro falou da intención do Goberno local de levar a cabo unha serie de emendas nos orzamentos xerais do Estado para atender a asuntos de vital importancia na cidade, asunto que irá ao Pleno do próximo luns, día 7 de setembro. “Hai cauce para poder levar a cabo estas solicitudes, porque ademais do Congreso, temos a vía do Senado”, comentou. “Este tema nos parece o suficientemente importante como para querer impulsalo co apoio de toda a cidade e de todos os grupos. Eu como alcalde podería facer unha declaración institucional, e dirixirme aos grupos do Congreso e do Senado para que inclúan estas iniciativas. De feito xa o fixen, con Javier Losada (PSOE) falei diversas veces este verán, incluso esta mañá mesmo, sobre diversas iniciativas que atinxen asuntos de interese para o municipio. O Goberno local non necesita o apoio do Pleno pero creo que é beneficioso saber que temos a toda a cidade detrás neste tema. Estamos a falar de cuestións moi importantes como a intermodal, a Ría do Burgo, a propia vivenda…”, reflexionou.

 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión