Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de xuño de 2026

Xuxán contará por primeira vez con servizo de autobús urbano a finais de xuño

A liña 4 ampliará o seu percorrido para conectar o novo barrio coa rede de transporte público, habilitando tres novas paradas sen afectar ás frecuencias actuais

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, mantivo esta tarde unha reunión coa Asociación Veciñal de Xuxán para presentarlles a nova ruta de autobús urbano que dará servizo ao barrio a partir de finais do mes de xuño. No encontro tamén participou a Compañía de Tranvías da Coruña, actual concesionaria do servizo, que será a encargada de executar a modificación do percorrido da liña.

A actuación permitirá que Xuxán conte por primeira vez cunha conexión directa coa rede de transporte público urbano mediante a ampliación da liña 4. Ata o de agora, esta liña remataba o seu percorrido no Barrio das Flores, circulando pola avenida de Monelos e bordeando a contorna a través da rolda de Camilo José Cela. Coa modificación prevista, os autobuses da liña 4 accederán a Xuxán pola rúa A Canteira e percorrerán o barrio polas súas dúas principais avenidas, incorporando tres novas paradas que mellorarán a mobilidade da veciñanza e a conexión co resto da cidade.

As novas paradas propostas estarán situadas nas vías principais do barrio: dúas na avenida Fresas de Eirís, unha entre a rúa Campo de Galán e a rúa A Viña e outra no confluencia da avenida coa rúa Milagros Rey; e outra na avenida de Xuxán, no cruzamento coa rúa Ángel Gómez. Ademais, a nova ruta aproveitará dúas paradas xa existentes no viaduto que conecta as dúas rotondas situadas entre a avenida de Monelos e o acceso a Xuxán, as paradas número 108 e 496, conectando coas liñas 1A e 12A.

A ampliación do percorrido non suporá cambios nas frecuencias actuais da liña 4, xa que o servizo reforzarase coa incorporación dun autobús adicional. Deste xeito, manteranse os tempos de paso habituais ao tempo que se garante a cobertura do novo itinerario. O fin de liña continuará situado na parada da rolda de Camilo José Cela fronte ao bloque 56, punto no que actualmente xa se realiza a regulación do servizo.

Durante a reunión, a alcaldesa destacou que esta actuación responde a unha demanda histórica da veciñanza e supón un paso máis na integración de Xuxán na rede de servizos públicos da cidade. A nova conexión permitirá mellorar os desprazamentos diarios dos residentes e facilitar o acceso aos distintos equipamentos, centros educativos e zonas comerciais da Coruña mediante un transporte público máis próximo, eficiente e sostible.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión