Coviñas ao pé da entrada SO á croa do castro
Pedras gravadas ao longo dos séculos
O concello da Coruña conta cunha limitada presenza de gravados rupestres en relación con outras áreas costeiras galegas. Así, contamos con varios exemplos na contorna do Castro de Elviña, a Torre de Hércules, o Monte dos Castelos en Nostián, Pedra Maior en Feáns e o da Polvoreira, trasladado no seu momento ao Museo de San Antón, así como as referencias aos gravados xeométricos no Monte dous Bicos de Monte Alto.
Petróglifos do castro de Elviña
No castro de Elviña localízanse varios petróglifos: atopamos unha serie de cazoletas na área oeste, preto do acceso á croa, así como outras baixo da muralla da croa, na área sur. Tamén existe un motivo con forma e labirinto na contorna este de a croa, realizado nun bloque de pedra de pequeno tamaño. Na súa contorna, debe sinalarse a existencia do petróglifo da Morena, situado na área este, a 150 m do castro, e composto por dezasete cazoletas e o petróglifo do suco ovalado irregular. Finalmente, quedan por mencionar os petróglifos do Abrigo de O Lusío, situados ao norte da croa, que estarían compostos por varias cazoletas e un estraño tridente, e cuxa localización exacta non é coñecida na actualidade. A pesar desta notable vinculación co castro, non sempre é posible coñecer a relación cronolóxica e funcional entre os petróglifos e o castro, pois non poden aplicarse técnicas de datación absoluta, e en moitas ocasións tampouco é posible reconstruír a paisaxe tal e como era en plena ocupación do castro.
Petróglifos da Torre de Hércules
Na península da Torre de Hércules sitúanse os petróglifos de Punta Herminia, denominándose o panel primeiramente descuberto como Pedra do Altar. A rocha presenta multitude de motivos superpostos, especialmente cruciformes e alfabetiformes, entre eles o J, polo que se deduce que, canto menos, foron gravados durante a Idade Media.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible