Epígrafe rupestre co nome do enxeñeiro, Gaius Sevius Lupus.
O gran faro no Atlántico
Se dos camiños romanos terrestres nos quedan vestixios a través de vías, pontes e miliarios, o faro romano de Brigantium representa a obra clave da ruta marítima de longo alcance entre o Mediterráneo e o Atlántico.
O faro está localizado como unha edificación illada a 1,6 Km do asentamento romano, e foi construída a finais do século I d.C. Un epígrafe rupestre situado ao pé da torre recolle a dedicatoria a Marte Augusto feita polo arquitecto construtor lusitano Gaius Servius Lupus, natural de Aeminium (Coimbra).
A torre tería tres pisos, do mesmo xeito que o faro de Alexandría en Exipto ou o de Ostia Antica en Roma, con teito de bóvedas de canón que aínda se conservan no interior, e estaba rodeada por unha rampla cerrada cun muro de protección, da que non se conservan restos.
Coas reformas realizadas en 1791, constrúese unha nova escaleira de pedra e cérranse vans, sen afectar de forma significativa ás estruturas interiores.
A torre presenta unha planta cadrada construída con tres tipos de aparellos romanos e unha altura total de 55 metros, comprendendo 34 deles a edificación romana. A primeira mención coñecida é de comezos de século V d.C. por parte de Paulo Orosio, que se refire á torre como altassima pharum.
Pénsase que a zona na que foi levantada correspondíase cun lugar de culto indíxena, similar ao doutros puntos como a Pedra da Barca en Muxía, San Andrés de Teixido en Cedeira, ou Facho de Donón en Cangas ou o cabo de Fisterra. Estes espazos estarían vinculados coa morte e o descoñecido, simbolizando o tránsito da vida ao máis alá a través do mar.
Representación do faro de Alexandría, 1630 de Jansson Jansonius (Atlas de Jansson Jansonius)
Debuxo localizado nun manuscrito de Cornide (Real Academia de Historia, Madrid)
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible