22 de febrero de 2019
A edil Silvia Cameán salienta as 5.670 intervencións realizadas dende os programas complementarios do Goberno local para garantir “que todo o alumnado accede á educación en igualdade de condicións” e aos que se destinaron 1.493.734 euros no 2018
A construción dun modelo de cidade coidadora pasa para a Concellería de Xustiza Social e Coidados por un reforzo de diversos programas como o de traballo con familias, a través do que se xestionan accións de apoio social ou axudas económicas no ámbito escolar. Para iso, o departamento municipal ampliou nun 83% o orzamento para esta iniciativa en dous anos, que pasou de ter consignados 815.432 euros en 2016 a 1.493.734 no pasado exercicio. Isto supuxo un incremento no número de persoas beneficiarias e nos fondos de iniciativas como as bolsas de comedor, as prestacións para as escolas infantís ou a posta en marcha do programa de alimentación de menores en períodos non lectivos. "A Coruña está a instalar un modelo urbano no que contan os coidados e conta a defensa dunha educación pública á que todo o alumnado pode acceder en igualdade de condicións, para a procura dunha cidade que non deixe a ninguén atrás", afirma a concelleira Silvia Cameán. O programa de traballo con familias realizou o pasado ano 5.670 intervencións fronte ás 3.330 que se efectuaron no 2015.
"Un sistema público de educación non esconde que seguen a existir desigualdades e familias vulnerables ás que a administración pública ten a obriga de apoiar. O goberno local está a poñer en marcha programas e iniciativas complementarias no ámbito educativo que garantan as mesmas oportunidades a todo o alumnado e que axuden ás familias a proporcionar as ferramentas precisas para o correcto aproveitamento dos anos de escolaridade", indica a edil. Así, as bolsas comedor, que se inclúen no programa de traballo con familias, pasaron de ter un investimento de 707.840 euros no ano 2016, cando houbo 955 nenos e nenas que obtiveron a bolsa, a 1.141.875 no pasado, que supuxo un incremento ata os 1.592 alumnos e alumnas con acceso a esta axuda. Un orzamento que volve a crecer no presente curso ata os 1,5 millóns para poder beneficiar a 1.620 escolares da cidade, independentemente do centro onde se cursen os estudos. "O compromiso no investimento leva tamén unha modificación dos criterios de acceso para crear igualdade de oportunidades como a introdución do criterio económico como o principal para a adxudicación das bolsas, así como outros relativos á saúde dos e das rapazas, simplificar o proceso", resume a concelleira.
Nos dous últimos anos a Concellería de Xustiza Social tamén aumentou notablemente as axudas para o pago das escolas infantís, un investimento que pasou de obter 13.939 euros en 2016 a 46.328 no pasado ano. "Unha política na que se reduciron nun 9% as tarifas para todas as familias pero especialmente para as máis vulnerables, seguindo a liña de poñer ás persoas no centro. No caso das rendas máis baixas, os prezos baixaron ata un 90% e, por primeira vez, máis de 100 familias non pagan taxas", apunta. Tal e como lembra Cameán, no 2017 tamén se puxo en marcha o programa de alimentación de menores en períodos non lectivos, unha medida que se iniciou con 11.088 euros de financiamento e creceu ata os 75.302 no 2018 para dar cobertura ás necesidades de alimentación de 443 nenas e nenos da cidade que habitualmente acoden aos comedores dos centros educativos. "A atención á infancia precisa dun modelo integral, de acompañamento en diversos ámbitos e que redunde nun benestar comunitario. É o noso modelos de cidade coidadora próxima que garante as necesidades das persoas en situación de vulnerabilidade", conclúe.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible