17 de abril de 2020
A alcaldesa, Inés Rey, solicita a colaboración da dirección dos centros de ensino da cidade para poder achegarlles estes recursos ás nenas e as nenos que non teñen acceso dixital O Concello habilitou o teléfono 981 184 294 para que as familias poidan realizar as súas solicitudes en materia educativa
O Concello recibiu 380 peticións de axudas de material didáctico e recursos dixitais durante os tres primeiros días do inicio do programa "Ninguén Atrás", organizado polas concellerías de Benestar Social e Educación, e que ten por obxectivo paliar as necesidades educativas do estudantado da cidade con dificultades para poder acceder ao seu material formativo.
A alcaldesa, Inés Rey, asegurou que, para desenvolver este programa con éxito é necesario que o persoal directivo dos centros educativos se implique, polo que lle pide, nun momento excepcional, que colabore co dito programa. "Trátase de garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación. Obxectivo que debe ser irrenunciable para todos os poderes públicos. A nosa vontade de axudar, equipar e achegarlles os recursos educativos ás nenas e nenos da cidade en situación de vulnerabilidade é firme. Non permitiremos que este alumnado quede atrás pola falta de recursos nos seus fogares e creo que, nesta situación, docentes, familias e nós mesmos, aínda que as competencias en Educación sexan da Xunta de Galicia, temos que traballar conxuntamente para evitarmos que a fenda dixital sexa aínda máis profunda neste momento", apuntou Rey.
O Concello habilitou o teléfono 981 184 294 para que as familias poidan realizar as súas solicitudes. O persoal técnico do CMIX é o encargado de recoller unha serie de datos para coñecer o curso da/o alumna/o e a súa situación persoal, xa que é necesario acreditar un informe de Servizos Sociais sobre a situación de vulnerabilidade das persoas demandantes.
En concreto recibiu:
-274 solicitudes de alumnado de educación primaria.
-81 peticións por parte de alumnado da ESO.
-6 de alumnas/os de bacharelato.
-15 de alumnado de formación profesional.
-4 de educación infantil.
A intención do Goberno local é dotar de material didáctico o alumnado que o necesite e de recursos informáticos as e os escolares máis desfavorecidos que non poden acceder aos seus materias formativos. O Concello non pode permitir que nuns momentos tan complicados coma estes as rapazas e os rapaces das familias sen recursos non continúen coa súa educación debido á súa situación socioeconómica.
A través desta campaña, as concellerías de Benestar Social e de Educación, coa colaboración do voluntariado, repartirán o material didáctico entre o alumnado que non dispón de acceso á internet e que até agora non puido desenvolver as súas tarefas ou que as realizou con dificultade.
Este programa súmase ás iniciativas que o Concello puxo en marcha desde que se declarou o estado de alarma para atender as necesidades da cidadanía que se encontra nunha situación de vulnerabilidade.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible