Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

O ciclo de artes escénicas ‘Todo Público’ volve este outono ao Fórum Metropolitano, con cinco espectáculos para o público familiar ata finais de ano

Cuándo:

27 de septiembre de 2023

‘Solo’, unha peza de teatro xestual de Roi Borrallas que foi premiada na Feria Europea de Artes Escénicas para nenos e nenas, abrirá a programación o sábado 14 de outubro

Este outono, o Fórum Metropolitano acollerá novamente o ciclo de artes escénicas 'Todo Público', unha iniciativa promovida polo Concello que inclúe cinco espectáculos para nenos e nenas de 3 a 12 anos, de estéticas e técnicas variadas, que van desde o teatro de personaxes, con e sen palabras, ao teatro de monicreques, pasando polo teatro físico ata o teatro de máscaras e con música en directo.

Esta proposta, impulsada a través da Área municipal de Fomento e Promoción da Cidade, dá continuidade a unha tradición de máis de tres décadas nas que o Concello foi pioneiro a nivel estatal ao promover os primeros programas municipais de teatro familiar e escolar.

Nesta edición, a programación de outono do ciclo 'Todo Público' abrirase o sábado 14 de outubro (18.00 horas) con 'Solo', de Roi Borrallas, unha peza que obtivo o Premio á Mellor Interpretación Masculina na Feria Europea de Artes Escénicas para nenos e nenas (FETEN) deste ano 2023. Ideada nun formato de teatro xestual, está orientada ao público familiar a partir de cinco anos.

'Solo' marcará o punto de partida dun calendario que inclúe outros catro espectáculos ata comezos de decembro: 'Mamut', de Markeliñe, o sábado 14 de outubro; 'Viva Vivaldi', dos Monicreques de Kukas, o sábado 4 de novembro; 'Full House', de Elèctrico 28, o sábado 11 de novembro e 'Ninja', de Teatro Ghazafelhos, o sábado 2 de decembro.

Como e onde adquirir as entradas

As entradas para asistir aos cinco espectáculos, xa á venda desde este mércores, terán un custo de 6 euros para o público xeral e de 2 euros para as/os menores de 3 anos. Ademais, tamén hai a posibilidade de adquirir un abono familiar (con tres entradas para unha mesma función) por 15 euros.

Os pases están dispoñibles na web de Ataquilla.com, e tamén están á venda no despacho de billetes da praza de Ourense (de luns a venres, de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas, agás festivos), así como no despacho de billetes do Fórum Metropolitano desde unha hora antes do comezo do espectáculo, sempre que haxa entradas dispoñibles.

Apertura do prazo de inscrición no ciclo 'Todo Público escolar'

Ademais, este mércores abriuse tamén o prazo de inscrición no ciclo 'Todo Público escolar', cunha programación de teatro orientada especificamente aos centros educativos do termo municipal.

Entre os días 26 de outubro e o 15 de decembro haberá un total de 17 funcións. A maior parte, para alumnas e alumnos en idade de Educación Infantil e Primaria, aínda que tamén está prevista unha función para alumnado da ESO.

Toda a información sobre o proceso de inscrición pode consultarse a través da web de  Todo público: programación de teatro para centros escolares 2023-24. Primer trimestre .

O custo de cada entrada será de 2 euros por alumna ou alumno.

As obras, unha a unha 

SOLO, de Roi Borrallas

O hábitat natural de calquera pallaso é a escena, co seu público. Mais, que pasa cando queda só? É no camerino onde se mestura a persoa e a personaxe. Onde se desdebuxa a liña que os separa. Un limbo que non é o escenario nin a vida real. É nesa fronteira onde ten lugar este espectáculo.

MAMUT, de Markeliñe

Tres personaxes homínidos distintos refúxianse da ameaza dos lobos xunto aos restos óseos dun mamut. Na súa loita pola supervivencia deciden entenderse, cooperar e crear xuntos a pesar das súas diferenzas. O mamut e os seus ósos convértense en utensilio e ferramenta para a creatividade. Desta maneira, o descubrimento da ficción convértese no achado máis poderoso porque abre a porta a outras realidades e posibilidades. Así, cada invención ou novo descubrimento é como un nó novo co que se vai atando a nosa existencia.

VIVA VIVALDI, dos Monicreques de Kukas

No ano 2023 conmemórase o 300º aniversario das 'Catro Estacións' de Vivaldi que inspira este espectáculo que representa o ciclo da vida e os cambios que se producen en cada unha das estacións do ano, con pequenas historias que valoran a importancia da amizade, das relacións afectivas e da axuda mutua.

Unha pintora (Maruxa), unha escritora (Rosalía) e un músico (Antón) crearán un mundo fantástico e poético cuns monicreques tratados cunha paleta de cores brillantes e contrastadas, e coa música descritiva de Vivaldi interpretada fundamentalmente con guitarra acompañada por outros instrumentos como violín e acordeón.

FULL HOUSE de Elèctrico 28

Unha fábula moderna sobre a cohabitación urbana que trata sobre os desafíos que supón o feito de superar diferenzas, sen texto e a través do teatro físico e a música en vivo.

'Full House' conta a historia dos veciños Koala, Can e Cabalo, que viven porta con porta. Koala está, simplemente, namorada do mundo, Can é un solitario apaixonado da música clásica, e a enerxética Cabalo ten sempre catro pratos cociñándose ao mesmo tempo. Están tan ocupados consigo mesmos e co seu día a día que nin sequera se decatan das necesidades dos outros.

NINJA de Teatro Ghazafelhos

'Ninja' é unha obra lúdica e pedagóxica que aborda o acoso escolar. A través dunha historia divertida e chea de reflexións sobre o respecto, o apoio mutuo e a diversidade farase fincapé no máis importante para resolver un problema: visualizalo.

Tori é unha nena do rural que vai á escola. Encántanlle a cultura oriental, o karate, o kung-fu, o jiu-jitsu, as películas de Bruce Lee e Jackie Chan... Soña, en definitiva, con ser ninja, e para iso adestra todos os días co obxectivo de pasar inadvertida. Grazas a esa condición, descobre que no colexio hai nenos e nenas que tamén queren pasar inadvertidos, pero non para ser ninjas, senón para que outros nenos e nenas non abusen deles. Coa axuda do señor Edelmiro, un velliño ao que Tori acode a buscar consello, conseguirán que os nenos inadvertidos se fagan visibles e cambien as tornas na escola.

UN TRAJE NUEVO PARA EL EMPERADOR, de La Pera Llimonera

'Un traje nuevo para el Emperador' é a máis divertida e disparatada versión dun dos clásicos de Hans Christian Andersen.

A súa maxestade, o Emperador, a pesar de ter o armario cheo a rebordar, nunca está contento cos traxes que leva. Para satisfacelo, o seu conselleiro fai un chamamento a todos os modistas do Imperio para presentar os seus deseños a cambio dunha gran recompensa. Este traxe terá que ser diferente, único, fantástico e marabilloso. A noticia chega a dous talentosos xastres estranxeiros capaces de confeccionar traxes con propiedades tan extraordinarias que nunca ninguén chegou a imaxinar.

OS NENOS DA VARÍOLA, de Pérez & Fernández

'Os nenos da varíola' é a adaptación á escena da novela homónima de María Solar, dedicada aos 22 nenos que, no ano 1803, foron os heroes da Real Expedición Filantrópica da Vacina.

A peza teatral, gañadora dos XXV Premios de Teatro María Casares na categoría de 'Mellor espectáculo infantil', ideouse como unha proposta escénica con altas doses de realidade histórica, tenrura e humor que toma como eixe central a vida dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña que protagonizaron a expedición, na que a súa heroína máis esquecida se converteu nun dos piares máis importantes desta fazaña sanitaria: a reitora da Casa dos Expósitos, Isabel Zendal.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión