Concello da Coruña

Concello da Coruña

Publicáronse as listaxes definitivas das Bolsas Norteamérica: o prazo para aceptar ou renunciar á praza remata o 5 de maio

Cando:

16 de abril de 2025

O Concello convoca ás familias seleccionadas a unha reunión informativa o martes 22 de abril no Centro Cívico dos Mallos

O Concello da Coruña publica as listaxes definitivas das persoas seleccionadas para participar na edición 2025-26 do programa municipal "A Coruña no Mundo: Bolsas Norteamérica", que lle permite ao alumnado de 4.º da ESO cursar 1.º de bacharelato en Canadá. As listaxes poden verse na páxina do programa da web municipal de Educación: Bolsas Norteamérica 2025-2026

As persoas seleccionadas dispoñen dun prazo de dez días hábiles, do 21 de abril ao 5 de maio (ambos incluídos), para aceptar ou renunciar á praza. Para informar das condicións e características do programa, o Concello manterá unha reunión informativa coas familias das persoas seleccionadas, así como coas que figuran nos primeiros postos da listaxe de agarda. A sesión realizarase o martes 22 de abril, ás 18.30 horas no Centro Cívico dos Mallos. 

Este proceso de selección remata unha convocatoria que comezou en novembro de 2024 e á que se presentaron 121 solicitudes. Finalmente foron seleccionadas 30 persoas, mentres que outras 68 conforman a listaxe de agarda. Dúas persoas renunciaron durante o procedemento e 21 quedaron excluídas por non cumprir os requisitos das bases.

Das 30 prazas asignadas, 25 contan cunha bolsa económica íntegra e as restantes cinco achegarán un 5% do custo total do programa, financiando o Concello o 95% restante. O orzamento municipal destinado á iniciativa ascende a 650.000 euros e cobre os gastos de estancia, matrícula nun centro canadense, visado, viaxes, seguro médico e unha axuda mensual de 120 euros. 

Ao abeiro das políticas educativas e sociais impulsadas polo Goberno de Inés Rey, o programa busca garantir a igualdade de oportunidades e promover experiencias internacionais que favorezan o desenvolvemento persoal e académico da mocidade coruñesa.

A selección foi realizada por unha comisión técnica municipal que valorou criterios académicos, económicos e socio-familiares. Ademais, as familias con menos recursos poderán acceder a unha achega adicional de 400 euros, condicionada a un informe de vulnerabilidade emitido polos Servizos Sociais municipais.

O concelleiro de Educación, Juan Borrego, salientou "a importancia de ofrecer á mocidade coruñesa oportunidades que lles permitan abrir horizontes, gañar autonomía e formarse nun contexto internacional, apostando pola equidade desde o ámbito local".

Programa ao que pertence

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión