Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de marzo de 2017

O Concello adhírese ao programa Tempadas de Igualdade, que avoga por unha programación artística municipal “equilibrada e con perspectiva de xénero”

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, e a titular de Igualdade, Rocío Fraga, asinaron un acordo de colaboración coa entidade Clásicas y Modernas polo que se analizará a programación do último ano nos espazos municipais do Coliseum, Teatro Rosalía, Fórum e Ágora, e se realizará un seguimento dos próximos tres exercicios

O Goberno local da Coruña ten no fomento da igualdade un dos seus principais compromisos a aplicar en todos os ámbitos. Nese camiño, esta mañá o titular da Concellería de Culturas, José Manuel Sande, e a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, asinaron un convenio de colaboración coa Asociación para a Igualdade de Xénero na Cultura, Clásicas y Modernas, que ten como obxectivo garantir que a programación escénica e artística que se leva a cabo nos recintos municipais do Fórum Metropolitano e o Ágora, ademais de no Teatro Rosalía de Castro e no Coliseum, teña en conta a perspectiva de xénero e cumpra e acade os obxectivos recollidos na Lei Orgánica para a Igualdade.

"Este proxecto ten como principal meta a implicación das diversas entidades e administracións que teñen que ver coa programación escénica, de forma que se acade unha igualdade profesional entre mulleres e homes neste ámbito", indicou Fraga. "Por medio deste acordo de colaboración, desde esta asociación, especializada neste ámbito, auditarase o contido dos programas escénicos do último ano, e se fará un seguimento durante os próximos tres", engadiu Sande. "O que propomos é unha folla de ruta, que ten como finalidade impulsar a Axenda Europea para a Igualdade na Cultura", comentou o edil, quen asinou o convenio con representantes da delegación galega de Clásicas y Modernas, todas elas vinculadas ao campo da cultura e as artes escénicas.

O programa de Tempadas en Igualdade nas artes escénicas busca encamiñar a programación "cara a un equilibrio, incluso entre os textos escritos por mulleres e homes". "Debemos tender, e así o estamos a facer no que atinxe a recintos municipais, a un equilibrio na programación dos espectáculos de teatro, danza, performance, música e ópera postos en escena por mulleres e por homes", indicou Sande. "Hai unha serie de actuacións que, de feito, nós xa levamos a cabo, pero que en moitos espazos aínda non se consegue, como repartir de forma igualitaria entre artistas mulleres e homes os medios financeiros dedicados á produción e á programación", dixo.

"A nosa intención sería, do mesmo xeito que temos unhas cláusulas sociais no Concello destinadas aos e ás provedoras para que cumpran con unha serie de requisitos, como o fomento da igualdade no ámbito laboral, velar pola igualdade salarial e reparto de responsabilidades, tamén nos espectáculos que se leven a cabo nestes recintos municipais", explicou a concelleira de Igualdade e Diversidade. Outras entidades do Estado adheridas a este compromiso son, por exemplo, o Centro Dramático Nacional, a Federación de Sociedades Musicais da Comunitat Valenciana, o Teatro Prendes Carreño ou o Teatre Nacional de Catalunya.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión