Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de marzo de 2017

O Concello celebra o Día Internacional das Mulleres, festividade local, coa inauguración das prazas Oito de marzo e Elvira Bao Maceiras

A celebración do 8 de marzo virá acompañada de actividades lúdicas e culturais no entorno da Praza da Fábrica de Tabacos e a entrada aos Museos Científicos Coruñeses será gratuíta

O Concello da Coruña celebrará mañá, por vez primeira, o Día Internacional das Mulleres como festividade local, como mostra do compromiso do Goberno local co recoñecemento e visibilización do papel decisivo que as mulleres levaron e levan a cabo no desenvolvemento e progreso da cidade. A celebración virá acompañada de distintos actos culturais e lúdicos que teñen como finalidade, segundo indica a edil de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, "render homenaxe a todas as mulleres que facilitaron a transformación da cidade así como da sociedade". Así, ás 11.00 horas, terán os primeiros actos coa inauguración, na zona da Cubela, das prazas Oito de marzo e Elvira Bao Maceiras. Desde esta mesma localización, ás 11.30 horas, partirá o roteiro Traficando con peixe e cigarros: mulleres, traballos e saberes da cidade, no que se fará un percorrido pola historia dos distintos colectivos de mulleres que mudaron a realidade coruñesa. Mentres que na nova praza falarase das mestras, parteiras, enfermeiras e farmacéuticas, na rúa Gateira abordarase o papel das mulleres que rexentaban negocios, como as tendeiras, taberneiras, panadeiras, forneiras e ferreiras. O camiño continuará polo Parque Europa e a rúa Río Monelos, na que se porá sobre a mesa o papel das lavandeiras e mulleres de servizo. Ao chegar á praza da Palloza, cobrarán protagonismo as pescantinas e redeiras e, finalmente, na praza da Fábrica de Tabacos, abordarase o papel das cigarreiras e sindicalistas na historia da cidade.

Neste simbólico espazo, peza clave do movemento sindicalista e dos dereitos laborais na cidade, terá lugar unha feira de creadoras e artesás, que se manterá aberta ao público desde as 12.00 até as 20.00 horas. Tamén na Praza da Fábrica Tabacos, ás 13.00 horas, organizarase unha acción performativa co gallo da posta en marcha do Pacto Social por unha cidade libre de violencias machistas --cuxo primeiro encontro aberto terá lugar o xoves 9 de marzo, ás 19.00 horas, no Centro de Información ás Mulleres (CIM)--. A continuación, ás 13.30 horas, o grupo de folk Habelas Hainas ofrecerá unha foliada que se pechará ás 14.30 horas cunha concentración de moteiras.

A celebración da festividade do 8 de marzo estenderase a outros espazos da cidade. Así, os Museos Científicos Coruñeses terán unha xornada de portas abertas nos tres recintos municipais. Os horarios e programas específicos do Aquarium Finisterrae, Casa das Ciencias e Domus poden consultarse na web www.mc2coruna.org/gl.

Pola súa banda, a Casa Museo Casares Quiroga acolle a mostra Desenfocadas: imaxe feminina nas revistas dirixidas a rapazas novas, que se pode visitar no centro da rúa Panadeiras en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas. Tamén o Teatro Rosalía Castro se suma á celebración, coa programación dun concerto esta tarde, ás 20.30 horas, de Guadi Galego, que presenta o seu novo traballo, O mundo está parado; e coa a representación --tamén ás 20.30 horas--, dentro do Ciclo Principal, de Helena. Xuízo a unha lurpia, a adaptación da compañía Teatro do Atlántico da obra do dramaturgo Miguel del Arco. As entradas están á venda nas canles habituais --despacho de billetes da Praza de Ourense, ticketea.com, o teléfono 902 044 226 e no Teatro Rosalía os días de función, de 16.00 a 20.00 horas--.

Ao longo de todo o mes de marzo, e baixo o lema Mulleres que transforman realidades, o Goberno local organiza actividades conmemorativas nas bibliotecas e centros cívicos municipais, dirixidas a públicos de todas as idades, que teñen como finalidade facer visible que os dereitos das mulleres forman parte da historia inacabada e incompleta dos dereitos humanos.

Documentos:

Programa de actividades Día Internacional das Mulleres 2017 (8 MB)

Actividades nas Bibliotecas e nos Centros Cívicos - Día Internacional das Mulleres 2017 (6 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión