Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de abril de 2017

O Goberno local dará conta á cidadanía e á oposición de forma quincenal das licenzas urbanísticas que tramita

A Xunta de Goberno local deu este martes luz verde a varios cambios nas delegacións de competencias, entre os que se conta o das áreas de Seguridade Cidadá, que pasa a vincularse á Concellería de Igualdade e Diversidade, e de Contratación, que se traslada ao concelleiro de Emprego e Economía Social

A Xunta de Goberno aprobou este martes unha serie de modificacións nas delegacións que asumen as e os concelleiros do equipo de Goberno, como o traslado á área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, que dirixe Xiao Varela, da competencia para o outorgamento de licenzas urbanísticas e o resto de títulos habilitantes nesta materia, no caso daqueles proxectos de execución de obra cunha contía inferior a 1,2 millóns de euros (ata agora, atribuído á propia Xunta de Goberno local). A decisión,  indicou hoxe o alcalde, Xulio Ferreiro, busca seguir avanzando na axilización deste trámite, de acordo coa reorganización e o reforzo aplicado nesta materia por parte do Goberno local, ata alcanzar un total de 4.337 de autorizacións  tramitadas, entre licenzas e comunicacións previas, desde o inicio deste mandato, unha cifra superior a do período inmediatamente anterior. Como tamén avanzou o rexedor, Varela informará de forma quincenal, tanto de forma pública como na Xunta de Goberno local -onde están presentes todos os grupos a oposición- de todas as licenzas concedidas durante os 15 días previos, "de xeito que tanto os membros do Goberno como da oposición, e toda a cidadanía,  poidan seguir tendo a mesma información e garantir a transparencia nos trámites administrativos, tal e como é o compromiso deste Goberno".

Os principais cambios nas delegacións de competencias teñen que ver tamén coa área de Seguridade Cidadá -que engloba Policía Local, Bombeiros e Protección Civil-, que ata o momento estaba vinculada á alcaldía e pasa a ser responsabilidade da concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e a área de contratación, dependente ata agora de Facenda e Administración e que recaerá na Concellería de Emprego e Economía Social, que dirixe Alberto Lema. Deste xeito, vincularanse "dunha forma máis directa as políticas de emprego á contratación pública, para que esta sirva tamén como elemento de xeración de emprego" -sinalou o rexedor-, e tamén permitirá complementar -a propia concelleira de Facenda seguirá presidindo a mesa de Contratación- e reforzar a relación do traballo que realizan as distintas concellerías en materias como a laboral ou a promoción económica, axudando ao tempo a redistribuír a excesiva carga de traballo de áreas como a de Facenda e Administración.

Como fai notar Ferreiro, os cambios responden "a unha reordenación e maior clarificación das competencias e carga de traballo dos concelleiros e concelleiras e do propio alcalde", que entre as súas atribucións directas tiña a área de Seguridade Cidadá. Neste caso, salienta que a nova delegación vén formalizar un traballo "que a concelleira Rocío Fraga xa estaba facendo no plano material a través de programas como o PIPE (o programa de identificación policial eficaz) ou o programa Titor, traballo que ten que ver coa inclusión da diversidade, o goce de dereitos e unha visión comunitaria da Policía na área de seguridade".  

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión