Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de marzo de 2023

A I Mostra Internacional de Cinema por Mulleres A Coruña, con 20 películas no programa, comeza o mércores coa proxección de ‘Los reyes del mundo’

Este festival, celebrado nos Cantones Cines, trae á cidade unha variada seleccións das máis recentes longametraxes dirixidos por mulleres

A Coruña presenta a partir deste mércores 22 de marzo a I Mostra Internacional de Cinema por Mulleres A Coruña en Cantones Cines, no marco das actividades organizadas polo Concello arredor do Día Internacional da Muller 2023.

Con esta mostra preténdese achegar ao público da cidade unha selección das máis recentes longametraxes internacionais e nacionais dirixidas por mulleres, realizadas entre 2021 e 2022. A mostra presentarase este mércores 22, ás 17.30 horas, en Cantones Cines, pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e os codirectores e fundadores do proxecto, Carlota Álvarez Basso e Diego Mais Trelles. As entradas xa están dispoñibles nesta ligazón.

As 20 películas que se proxectarán formaron parte da Competición Nacional e Internacional da V edición do Festival de Cine por Mujeres Madrid, que tivo lugar do 25 de outubro ao 6 de novembro do 2022. Entre elas atópanse as dúas películas gañadoras, a multipremiada 'Cinco Lobitos', da directora española Alauda Ruíz de Azúa que conquistou os Forqué, os Feroz e recibiu 3 premios Goya, e 'Estación Catorce', da directora mexicana Diana Cardozo, gañadora da competición da quinta edición do Festival Cinema por Mujeres Madrid como Mellor Película de 2022.

Gran selección nacional e internacional

As dez longametraxes internacionais proveñen de Alemaña, Colombia, Eslovaquia, Estados Unidos, Dinamarca, Marrocos, México, Siria, Suecia e unha coprodución de Turquía e Ucraína. Todas elas estreadas en España no marco da quinta edición do festival, no que competiron polo Premio á Mellor Película 2022, cuxo xurado internacional estivo composto pola actriz española Irene Escolar, a directora arxentina Ana Katz e o director español Víctor García León.

A selección das dez películas españolas, realizadas entre 2021 e 2022, componse tamén de longametraxes premiadas e seleccionadas en diversos festivais nacionais como Valladolid-SEMINCI, o Barcelona FilmFest, o Festival de Sitges ou o Festival de Málaga, e internacionais como Cannes, Berlinale ou Sundance. Trátase dunha variada selección de drama, comedia familiar, terror, cine experimental e documental, que ofrece ao público coruñés unha oportunidade única de poñerse ao día sobre a recente produción cinematográfica do noso país dirixida por mulleres. Todas as longametraxes competiron polo Premio á Mellor Película Española 2022 do Festival Cine por Mujeres Madrid, dirimido por críticos cinematográficos da Asociación Premios Blogos de Ouro.

Con esta iniciativa, o Concello da Coruña en colaboración coa organización do Festival Cine por Mujeres Madrid e Sidras Maeloc, amplía a súa variada oferta cultural e a súa aposta por unha cinematografía de calidade e diversa que, en ocasións, a pesar de ser multipremiada por crítica e público, e de recibir grandes recoñecementos nacionais e internacionais, non adoita chegar á distribución comercial en salas. 

A mostra comezará coa proxección da película gañadora da Cuncha de Ouro no Festival de Cinema de San Sebastián 2022, 'Los Reyes del Mundo', da directora colombiana Laura Moura, tamén gañadora do Premio Feroz Zinemaldia e Mellor película no Festival de Zúrich 2022, ademais de proposta aos Óscar por Colombia.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión