Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de xullo de 2023

O Concello culmina a remodelación dos parques infantís de Vioño e Casares Quiroga, que inclúen 43 prazas adaptadas

O Goberno de Inés Rey reabre esta fin de semana á cidadanía as dúas instalacións, tras completarse os traballos de mellora previstos polo servizo municipal de Infraestruturas

O Concello da Coruña reabre esta fin de semana á cidadanía os parques infantís de Vioño e a praza Casares Quiroga (Elviña), onde remataron os traballos de mellora previstos polo servizo municipal de Infraestruturas, que permitiron a remodelación das instalacións para introducir novos xogos inclusivos e crear 43 prazas adaptadas para nenas e nenos con mobilidade reducida.

Esta iniciativa dá continuidade ao plan de execución dunha proposta que xurdiu a través dos Orzamentos Participativos, que estipula intervencións similares noutros parques infantís da cidade: na praza de Pontevedra -xa dispoñible para o uso e disfrute das pequenas e pequenos-, o parque infantil Ribeira Sacra (Novo Mesoiro) -en obras desde o mes de xuño- e na praza Elíptica (Os Rosales), onde os traballos comezarán proximamente.

En todos eles, o Goberno de Inés Rey está a acometer -ou xa concretou, en función de cada caso-, a remodelación integral dos accesos ás instalacións de xogo, ademais de melloras no pavimento, mudando os pisos de area existentes, nos casos precisos, por un firme de caucho, co obxectivo de reforzar a seguridade e comodidade das pequenas e pequenos.

31 novas prazas adaptadas no parque infantil de Vioño

Os traballos de remodelación no parque infantil de Vioño leváronse a cabo nunha superficie de 550 metros cadrados. A este respecto, xa se habilitaron os novos xogos inclusivos: un carrusel con capacidade para oito persoas usuarias; un bambán-cesto con capacidade para sete persoas usuarias; e diversos paneis sensoriais de xogos, ideados para o disfrute simultáneo de 17 persoas usuarias. A este respecto, o recinto de xogos adaptouse para crear un total de 31 prazas adaptadas.

En paralelo, deuse forma a un percorrido peonil sensorial ideado para as persoas usuarias invidentes, con treitos de céspede artificial, travesas de madeira e formigón.

Ademais, executouse a restauración e mantemento dos antigos xogos infantís xa habilitados no parque, coa excepción de dous que se retiraron por cuestións de deterioración e facilitar a disposición do espazo necesario para instalar os xogos inclusivos.

Un carrusel inclusivo no parque infantil da praza Casares Quiroga, en Elviña

Os traballos no parque infantil da praza Casares Quiroga, no barrio de Elviña, iniciáronse a finales de maio e permitiron introducir novos xogos inclusivos con 12 prazas adaptadas para nenas e nenos con mobilidade reducida.

A superficie total da área de xogos é de 736 metros cadrados, mais os traballos de remodelación leváronse a cabo en 180 metros cadrados, concretamente no sector noreste do recinto, onde se substituíu o antigo pavimento, de grava, por un novo tapete de céspede artificial.

Sobre el instalouse un novo pórtico-bambán, con capacidade para 8 persoas usuarias e composto por unha cesta, unha cadeira-arnés, un berce e un pequeno bambán conxunto para adultos e menores. Ademais, tamén se dispuxo un carrusel inclusivo da modalidade spinmee, con capacidade para 4 persoas usuarias e adecuado para as persoas usuarias en cadeira de rodas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión