Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de novembro de 2025

A alcaldesa reclamou á Xunta un Centro de Crise 24 horas na Coruña

O Concello lanza a campaña do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller baixo o lema «Non hai escusas»

Inés Rey, acompañada da concelleira de Benestar Social, Nereida Canosa, presentou a campaña municipal contra a violencia machista, centrada na violencia vicaria, na explotación sexual e na violencia dixital

O Concello presentou hoxe a campaña polo 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que este ano se desenvolve de novo baixo o lema «Non hai escusas». Na presentación interviñeron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa. Rey puxo o acento na necesidade de reforzar os recursos de atención ás vítimas e de combater o discurso negacionista da violencia machista.

A alcaldesa lembrou que a violencia de xénero "non é un asunto privado, nin un simple conflito de parella, senón unha das maiores vulneracións de dereitos humanos que existen", e advertiu do avance dos discursos que cuestionan a súa existencia. "O negacionismo non é unha opinión máis: é un perigo para a seguridade das mulleres e das crianzas", subliñou, incidindo en que estes relatos "van calando especialmente entre a mocidade e desordenan a realidade, poñendo todo no mesmo plano e invisibilizando a violencia específica que sofren as mulleres polo feito de selo".

Inés Rey puxo sobre a mesa os datos oficiais que apuntan a un aumento dos delitos contra a liberdade sexual en Galicia, na provincia e na cidade da Coruña e insistiu en que "detrás de cada cifra hai unha muller, unha nena, unha familia que ve a súa vida quebrada; non podemos normalizar nin relativizar esta realidade". A alcaldesa referiuse tamén á posta en marcha por parte da Xunta de cinco Centros de Crise 24 horas noutras cidades galegas e reclamou que A Coruña conte cun recurso propio: "A Coruña, unha das principais cidades de Galicia e cabeza dunha grande área metropolitana, tamén precisa un Centro de Crise 24 horas. Non é razoable que unha coruñesa que sofre unha agresión sexual teña que ser derivada a outra cidade nun momento de máximo impacto emocional".

A rexedora lembrou que a cidade dispón xa dun ecosistema sólido de recursos -CIM, casa de acollida municipal, pisos de transición e un tecido asociativo experimentado- e reclamou á Xunta que dote A Coruña dun Centro de Crise 24 horas "en coordinación co Concello e cos recursos especializados cos que xa conta a cidade, por xustiza territorial e, sobre todo, por protección efectiva das vítimas".

Pola súa banda, a concelleira Nereida Canosa presentou a programación municipal do 25N, estruturada en tres grandes eixos: a violencia vicaria e a exercida contra as e os menores; a trata, a explotación sexual e a prostitución, avanzando cara a relacións afectivo-sexuais sas; e a violencia dixital e as novas formas de agresión a través das tecnoloxías. "Trátase dunha programación ambiciosa, que combina formación especializada, accións educativas, teatro, cultura, deporte e participación comunitaria para chegar a profesionais, mocidade, infancia, familias e conxunto da veciñanza", explicou.

Entre as principais accións destacan a xornada sobre a violencia contra os e as menores e a violencia vicaria no salón de actos da Fundación ONCE; o ciclo "Conversas con..." con Amelia Tiganus e Erick Pescador; o espectáculo teatral didáctico "Mozas nas redes" nos centros de secundaria; obradoiros, xogos e contacontos nos espazos de atención á infancia e nas ludotecas municipais; actividades específicas na Escola Intercultural da UAMI; accións de sensibilización no Espazo Diverso e nas bibliotecas municipais; así como as iniciativas comunitarias da Plataforma pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero do Castrillón (PICUS).

O deporte e o espazo público volverán ter un papel central coa andaina do 25 de novembro, a formación dun gran lazo humano violeta na contorna de Riazor e a lectura dun manifesto en lembranza das vítimas e en apoio ás superviventes. "Non hai escusas para controlar, humillar ou difundir imaxes sen consentimento, nin para mercar corpos nin normalizar a explotación sexual, nin para danar ás crianzas nin negar a violencia que sofren as súas nais", concluíu Canosa, facendo un chamamento á participación da cidadanía en todas as actividades.

Toda a programación está dispoñible na páxina web do Concello e como documento descargable na parte inferior desta información.

Documentos:

DESCARGA AQUÍ a programación do Concello da Coruña polo 25-N (1 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión