Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de marzo de 2020

Rey asegura que a materia de igualdade é unha prioridade para o Goberno local

A alcaldesa e a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, presentaron esta mañá o programa de actos que terá lugar este mes con motivo do Día Internacional das Mulleres que se conmemora o domingo Edilas das distintas formacións políticas participaron no acto porque “se hai algo que nos iguala é que todas somos firmes defensoras do traballo que aínda queda por facer”, sinalou Neira

A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Igualdade, Yoya Neira, presentaron esta mañá o programa de actos con motivo da conmemoración o domingo do Día Internacional das Mulleres, que este ano leva o lema de "Fomos, somos, seremos... eu son o cambio". A rexedora sinalou que para ser ese cambio en primeira persoa, cómpre rachar con estereotipos de subordinación que se lles atribúen ás mulleres en cuestións de destreza física, liderado ou emprendemento introducindo a referentes que a rapazada poderá tomar como exemplos. Nesa diversificación que o concello pretende normalizar, Rey sinalou que están creando unha rede con Benestar Social á cabeza, que engloba bibliotecas, instalacións deportivas e culturais, centros cívicos... onde "a cultura se presenta nos seus distintos formatos para traballarmos dunha forma lúdica e en grupo os valores que farán que avancemos como cidade e sociedade".

Ademais, a alcaldesa falou de que as actividades a prol da igualdade de xéneros son unha prioridade para este Goberno local e lembrou que "hai dous anos que as mulleres protagonizamos unha revolución, o 8M deixou de ser unha convocatoria anecdótica para ser un acto multitudinario. Daquela entendemos que o feminismo se practicaba e que nesa loita estabamos todos e todas: homes e mulleres".

Pola súa parte, a concelleira agradeceulles ás edilas da Corporación que hoxe estivesen na presentación porque "se hai algo que nos iguala é que todas somos firmes defensoras do traballo que aínda queda por facer nesta materia". Por iso, animou a deixar aparcado o debate político xa que, entre outras cousas, as cifras por violencia machista non decrecen, para implicármonos nunha loita que se realizará tamén a través dun calendario de actos de carácter transversal, que xa comezou estes días.

A edila explicou que a programación tocará diversos ámbitos, con obradoiros como "Conversas para o cambio social", dirixidos fundamentalmente á poboación xuvenil, e en concreto, ao alumnado de secundaria. Neira explicou que a idea é que sexan conscientes e "cheguen elas e eles mesmos á conclusión de que existen ambientes masculinizados e roles que están asumindo como normais". Ademais, indicou que haberá exposicións na Casa da Cultura Salvador de Madariaga e na Casa Museo Emilio Pardo Bazán; obras de teatro no Teatro Rosalía, Centro Ágora e Fórum Metropolitano; actividades como "As nosas guerreiras" en espazos de atención á infancia; charlas e mostras na rede de bibliotecas municipais e un ciclo de cine "Retallos de muller" no Fórum Metropolitano.

Así mesmo, organizaranse exposicións de temática feminista nos centros cívicos e o 28 de marzo realizarase a segunda carreira e marcha solidaria "Querémonos vivas!", en que se lle doará o recadado das inscricións a unha entidade que traballe en proxectos de investigación e de mellora a mulleres con patoloxías como o cancro de mama. Tamén informou da instalación o domingo de tres puntos violetas -un no Obelisco e dous na praza de Tabacos- en que se asesorará sobre cuestións de igualdade e recalcou a presenza do concello na manifestación do 8M, que sairá ás 12.00 horas do Obelisco.

Por último, a edila recordou que se presentará o pacto social por unha" Coruña libre de violencias machistas" e que empezarán a traballar nas actividades vinculadas a este xesto cunha formación externa a todo tipo de entidades e persoas usuarias, ao sector da hostalaría e a colectivos diversos porque "a vontade da concellería está en traballar ao longo do ano con distintas campañas de concienciación destinadas, sobre todo, ás mozas e mozos".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión