O sábado 7 de maio o parque de Santa Margarida encherase coas actividades do Día da Ciencia na Rúa
Para público en xeral
07/05/2022
Xa rematou
Das 11.00 ás 19.00 horas
Organizado por Museos Científicos Coruñeses-Concello da Coruña, Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e Cátedra EMALCSA-UDC.
Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.
Volve ao Parque de Santa Margarida o Día da Ciencia na Rúa. A festa ten como protagonistas principais ao alumnado e ao profesorado de centros educativos de diversas localidades galegas. Nesta XXVI edición 35 centros da Coruña, Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Cambre, Carral, Coristanco, Ortigueira, Pastoriza e Miño traen con moita ilusión as actividades e experiencias que prepararon durante meses para convidar á cidadanía para descubrir, aprender e xogar coa ciencia.
No Día da Ciencia na Rúa estarán tamén presentes entidades e institucións vencelladas á actividade científica. A Universidade da Coruña participa coa Facultade de Ciencias, UDCiencia d+i, a Escola de Enxeñeiros de Camiños, a Agrupación Estratéxica do Centro de Investigacións Avanzadas (CICA), o Centro de Investigación TIC (CITIC) e a Cátedra EMALCSA-UDC.
Tampouco faltarán á cita outras institucións asentadas na cidade, como o Centro Oceanográfico da Coruña e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña. Sumáronse ademais nesta edición a Facultade de Física USC e a Facultade de Ciencias USAL.
Outras entidades, como a Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Ludo Sociedade Deportiva ou Gallaecia Viva, ofrecerán as súas actividades para o público que visite o Parque de Santa Margarida neste día. O desfile de cabezudos de famosos científicos, un concerto do Conservatorio de Música da Coruña, xogos e obradoiros, completarán esta xornada festiva.
Xornada de portas abertas
Ademais, os Museos Científicos Coruñeses súmanse a este día con xornada de portas abertas nos seus tres centros, a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae.
Na Casa das Ciencias, no centro da festa no parque, a entrada será libre neste día. Para as sesións de Planetario deberá retirarse un convite, que se repartirá media hora antes de cada sesión.
Na Domus e no Aquarium Finisterrae será preciso reservar as entradas para gozar desta xornada de portas abertas. As reservas pódense realizar, cun máximo de 3 días de antelación, premendo nestas ligazóns:
Premio Javier Novelle
Esta edición do Día da Ciencia na Rúa quérelle render unha homenaxe a Javier Novelle, quen desde a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e durante 24 anos impulsou con grande éxito esta celebración, traxectoria interrompida polo seu falecemento.
Os premios que levan o seu nome serán un recoñecemento aos centros escolares que participan no Día da Ciencia na Rúa, nos que se destacará o aspecto máis relevante das súas presentacións.

29 de outubro de 2025
Un novo programa, dirixido a público familiar, que se incorpora á carteleira do planetario da Casa das Ciencias

24 de setembro de 2025
Unha exposición retrospectiva con imaxes de astronomía de Alfredo Madrigal, un dos grandes astrofotógrafos galegos da súa xeración

20 de setembro de 2025
Os Prismas de Bronce entregaranse nun acto que terá lugar o próximo 15 de novembro no Concello da Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible