20 de xullo de 2021
A exposición presenta as fotografías galardoadas na última edición do concurso «GDT European Wildlife Photographer of the Year».
O concurso «GDT European Wildlife Photographer of the Year» iniciouse no ano 2000, promovido pola Asociación Alemá de Fotógrafos da Natureza (GDT nas súas siglas en alemán). Ten como obxectivo mostrar o extraordinario nivel da fotografía de natureza tanto profesional como afeccionada en Europa, pero tamén pretende promover o coñecemento da natureza e a súa conservación.
En palabras da profesora Dra. Beate Jessel, patroa do concurso: "As máis de 19.000 fotografías enviadas desde 38 países europeos inclúen imaxes que nos deixan sorprendidos/as pola beleza da natureza, así como imaxes que nos mostran como tratamos e maltratamos esa mesma natureza. Simultaneamente lémbrannos a urxencia de tomar medidas para protexela, á vez que mostran o valioso que é non escatimar esforzos para lograr este obxectivo".
O concurso comprende nove categorías cuxas fotos se poden ver na exposición: Aves, Mamíferos, Outros animais, Eloxio das plantas, Paisaxes, Mundo submarino, Ser humano e natureza, Forma e composición, e Novos fotógrafos/as.
Nesta edición do concurso foron finalistas 19 fotógrafos españois, 1 deles gañador na categoría doutros animais, e outro na categoría de Novos fotógrafos menores de 14 anos.
O gañador absoluto deste ano é Jasper Doest, de Países Baixos, cunha imaxe dun macaco xaponés actuando nunha taberna, e que describe así:
"No Xapón contemporáneo, o macaco xaponés pasou de ser un símbolo relixioso venerado a un chibo expiatorio secular, un paria desfigurado e obxecto de burlas; xa non é sagrado. Na taberna Kayabuki de Utosonomiya, o macaco xaponés Fuku-chan quítase a máscara de papel maché durante unha actuación con Yume-chan, un dos monos máis antigos do propietario. Despois da cea na taberna, a clientela ten a oportunidade de ver os macacos realizar trucos, nun escenario improvisado, coa axuda dunha variedade de accesorios escénicos. Lembroume un poema xaponés de, Matsuo Bashō, que no século XVII, escribiu: "ano tras ano / o mono usa / unha máscara de mono", referíndose a un mono que fai os mesmos trucos unha e outra vez, ou a persoas que cometen os mesmos erros unha ou outra vez nunha vida inmutable. Cando aprenderemos?"
Aquarium Finisterrae. Paseo Alcalde Francisco Vázquez 34. 15002 A Coruña

29 de outubro de 2025
Un novo programa, dirixido a público familiar, que se incorpora á carteleira do planetario da Casa das Ciencias

24 de setembro de 2025
Unha exposición retrospectiva con imaxes de astronomía de Alfredo Madrigal, un dos grandes astrofotógrafos galegos da súa xeración

20 de setembro de 2025
Os Prismas de Bronce entregaranse nun acto que terá lugar o próximo 15 de novembro no Concello da Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible