Esta exposición, que se presenta na Domus, ten o obxectivo de fomentar unha reflexión informada sobre a importancia que a formación científica ten na nosa cultura, na nosa contorna e no futuro que desexamos construír.
Cultivar a ciencia esixe fomentar o interese durante a infancia, crear vocacións na adolescencia, formar a mocidade e proporcionarlles recursos ás persoas que investigan para que poidan desenvolver a súa carreira profesional. Pero tamén é necesario difundir entre a poboación o coñecemento da ciencia e a tecnoloxía, para entender a necesidade de investir na súa promoción se queremos resolver con éxito os retos que afronta a humanidade.
A realización desta exposición foi posible grazas á colaboración dunha diversidade de investigadores científicos vinculados á Coruña, que facilitaron a súa presenza no relato de contidos. A maior parte deles é xente nova que está en diversas fases da súa carreira investigadora. Pero tamén participaron algunhas persoas cunha carreira consolidada, como Marisol Soengas, Sonia Villapol ou José R. Bustelo, que lle poden servir de referencia á mocidade.
Sete prismas con 20 temas
A exposición está formada por sete prismas de base triangular nos que se presentan vinte temas de forma gráfica. Ciencia no exilio, Un traballo para vivir, O éxito non ten idade, Unha perspectiva histórica, O empuxe da ciencia, Vocacións en crise, Toda a ciencia é útil, Do laboratorio á industria, A ciencia interesa, Ciencia para todas ou Educar para o futuro son algúns destes temas. Aos textos descritivos acompañan imaxes, gráficos e algunhas viñetas humorísticas, realizadas para esta exposición polo debuxante Santy Gutiérrez.

29 de outubro de 2025
Un novo programa, dirixido a público familiar, que se incorpora á carteleira do planetario da Casa das Ciencias

24 de setembro de 2025
Unha exposición retrospectiva con imaxes de astronomía de Alfredo Madrigal, un dos grandes astrofotógrafos galegos da súa xeración

20 de setembro de 2025
Os Prismas de Bronce entregaranse nun acto que terá lugar o próximo 15 de novembro no Concello da Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible