23 de setembro de 2022
O gañador absoluto deste ano é o fotógrafo español Ángel Fitor, coa imaxe titulada "O ballet das medusas"
A sala Isabel Castelo do Aquarium Finisterrae acolle a exposición «Fotógrafos da Natureza 2022», que contén as imaxes premiadas na última edición do concurso «European Wildlife Photographer of the Year», o maior e máis prestixioso de fotografía da natureza que se convoca en Europa. O seu obxectivo é contribuír a incrementar a conciencia e o interese por preservar a natureza, así como o sentido de responsabilidade cara ao medio ambiente, en especial entre o público.
Nesta convocatoria do concurso recibíronse 19.179 fotografías de 1.003 participantes, procedentes de 36 países. Grazas á pericia técnica e artística dos fotógrafos e fotógrafas e, en moitas ocasións, á sorte, podemos contemplar aspectos sorprendentes, puntos de vista insólitos e perspectivas marabillosas.
Preséntase unha visión diferente dos animais, plantas ou paisaxes que percibimos camiñantes, senderistas ou submarinistas. Esta sorprendente perspectiva, ou o tema elixido, ou quizais o intre da captura da fotografía logran emocionar e inspirar unha nova conciencia en favor da defensa da biodiversidade.
O gañador absoluto deste ano é o fotógrafo español Ángel Fitor, cunha imaxe que titulou "O ballet das medusas" e que describe así:
"En realidade, só había dous exemplares de medusa do Mediterraneo, ou medusa de ovo frito, (Cotylorhiza tuberculata) que se movían xusto debaixo da superficie da auga, impulsados polas súas propias contraccións e a lixeira corrente. As once medusas que ven na imaxe son o resultado de once escintileos de flash mentres seguía o movemento dos cnidarios a través do encadre. Durante máis de seis anos tratei de realizar esta idea de imaxe e tiven que soportar innumerables intentos errados, o cal non é sorprendente considerando o imprevisible dos factores necesarios para o éxito."
O concurso abrangue nove categorías, cuxas fotos, galardoadas como gañadoras na categoría, finalistas ou mencións especiais, pódense ver na exposición: Aves, Mamíferos, Outros animais, Eloxio das plantas, Paisaxes, Mundo submarino, El mundo nas nosas mans, Forma e composición, e Novos fotógrafos.
Nesta edición do concurso, ademais do gañador absoluto, recoñecéronse as imaxes de 15 fotógrafos españois; deles, un resultou gañador na categoría de Forma e composición, e outro na categoría de Novos fotógrafos.
Aquarium Finisterrae. Paseo Alcalde Francisco Vázquez 34. 15002 A Coruña

29 de outubro de 2025
Un novo programa, dirixido a público familiar, que se incorpora á carteleira do planetario da Casa das Ciencias

24 de setembro de 2025
Unha exposición retrospectiva con imaxes de astronomía de Alfredo Madrigal, un dos grandes astrofotógrafos galegos da súa xeración

20 de setembro de 2025
Os Prismas de Bronce entregaranse nun acto que terá lugar o próximo 15 de novembro no Concello da Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible