11 de setembro de 2023
A actividade enmárcase dentro da colaboración do acuario coruñés coa campaña «Stop comercio invasoras»
O sábado 16 de setembro, de 10.00 a 19.00 horas, en colaboración co grupo UDCiencia da Universidade da Coruña organízase unha xornada divulgativa sobre especies invasoras.
A primeira das actividades será unha extracción da planta chamada "unlla de gato" (Carpobrotus edulis) que medra na terraza do acuario. A extracción de plantas realizarase a partir das 10.30 h e quen desexe participar terán entrada gratuíta ao acuario, aínda que para iso deberán reservala en liña a partir de mércores 13, desde as 10.00 horas neste formulario (100 prazas dispoñibles).
A xornada inclúe ademais seis obradoiros experimentais nos que a participación é libre, pero as persoas interesadas deberán aboar a entrada correspondente na recepción do Aquarium Finisterrae.
Estes son os obradoiros programados:
• «Poliquetos invasores». É un taller para coñecer o grupo de poliquetos e concienciar o público sobre o risco de introducir especies cando se utiliza poliqueto exótico como cebo vivo.
• «Un cangrexo con amigos e inimigos». O obxectivo é que o público profunde nas relacións complexas entre especies, tanto exóticas como nativas, na natureza.
• «Os números da velutina». Neste obradoiro abórdase a invasión desta especie de forma lúdica, a través de xogos de asociación de números e con feitos.
• «Quen controla os invasores?» Tomando como base algunhas especies seleccionadas para este taller, o público poderá comprender como funcionan os métodos de control, vantaxes e desvantaxes, taxa de éxito ou os riscos asociados.
• «O doutor Jekyll e o señor Hyde». Un obradoiro no que se proporán debates co público tomando como punto de partida artigos, reportaxes, imaxes que conviden á reflexión sobre os distintos aspectos abordados.
• «Plantas invasoras: expansión imparable?» O público poderá ver e manipular individuos de especies invasoras, aprendendo as súas orixes e principais características que lles confiren carácter invasor. O obradoiro pretende amosar diferentes estratexias reprodutivas de especies de plantas exóticas invasoras presentes en Galicia.
Campaña «Stop comercio invasoras»
Esta campaña de información e sensibilización busca alertar sobre a venda e adquisición de especies invasoras e fomentar recomendacións e boas prácticas que axuden a reducir o risco que leva o comercio electrónico como vía de introdución de fauna e flora invasora.
A campaña, dirixida tanto a consumidores como a profesionais dedicados ao comercio de animais e plantas, realízase dentro do proxecto LIFE INVASAQUA (Aquatic Invasive Alien Species of Freshwater and Estuarine), financiado polo Programa LIFE da Unión Europea. Ten como obxectivo reducir a problemática que supoñen as especies invasoras nos ecosistemas acuáticos de auga doce e sistemas estuarios de España e Portugal a través da información, formación e sensibilización.
O Aquarium Finisterrae colabora organizando actividades, apoiando as mensaxes principais da campaña e difundindo un tríptico divulgativo, o Código de conduta ou o uso da aplicación para móbiles.
Aquarium Finisterrae. Paseo Alcalde Francisco Vázquez 34. 15002 A Coruña

29 de outubro de 2025
Un novo programa, dirixido a público familiar, que se incorpora á carteleira do planetario da Casa das Ciencias

24 de setembro de 2025
Unha exposición retrospectiva con imaxes de astronomía de Alfredo Madrigal, un dos grandes astrofotógrafos galegos da súa xeración

20 de setembro de 2025
Os Prismas de Bronce entregaranse nun acto que terá lugar o próximo 15 de novembro no Concello da Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible