20 de maio de 2025
Foron cedidos como parte dun programa de conservación e cría en catividade desta especie de tiburón no que colabora o Aquarium Finisterrae
En xaneiro de 2025 chegaron ao Aquarium tres exemplares de musola pinta, dúas femias nadas en 2022 e 2024 e un macho de 2024 que aínda son xuvenís e miden entre 50 e 120 centímetros. Desde a súa chegada permaneceron aclimatándose nos tanques de corentena do acuario coruñés e agora dous deles foron trasladados ao tanque da sala Nautilus, onde nadan xunto a Gastón, o tiburón touro, e outros grandes peixes do Atlántico.
A cesión destas musolas enmárcase nun programa de conservación e cría da EAZA European StudBook (ESB), co que colabora o Aquarium Finisterrae e que se coordina desde o Meeremuseum Ozeanum Straldsund (Alemaña). A cesión ás instalacións coruñesas realízase coa finalidade de colaborar activamente no proxecto de cría en catividade desta especie.
A EAZA, Asociación Europea de Zoos e Acuarios, ten como misión principal promover a cooperación para a conservación da vida silvestre a través de programas de conservación. O European StudBook é un programa de cría en catividade que basea o seu traballo na recompilación de datos (nacementos, mortes, transferencias...) de todas as institucións que manteñan unha determinada especie cuxa poboación se estea estudando.
A musola pinta, Mustelus asterias, é un dos tiburóns máis vistosos que podemos atopar nas nosas augas. De corpo alongado e esvelto, o seu dorso é gris azulado ou terroso con numerosas motas brancas. Pode chegar a medir 140 centímetros de longo e alcanza a madurez sexual aos 5 anos. Adoita vivir en fondos de area e grava de augas someras e ata os 300 metros de profundidade, no Atlántico noroeste, desde o Mar do Norte e Illas Británicas ata as Canarias e Mauritania, e tamén no Mediterráneo.
A Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN nas súas siglas en inglés) cualifica o seu estado de conservación como "case ameazada" no Atlántico e sinala a necesidade de profundar no estudo das poboacións desta especie.
Aquarium Finisterrae. Paseo Alcalde Francisco Vázquez 34. 15002 A Coruña

29 de outubro de 2025
Un novo programa, dirixido a público familiar, que se incorpora á carteleira do planetario da Casa das Ciencias

24 de setembro de 2025
Unha exposición retrospectiva con imaxes de astronomía de Alfredo Madrigal, un dos grandes astrofotógrafos galegos da súa xeración

20 de setembro de 2025
Os Prismas de Bronce entregaranse nun acto que terá lugar o próximo 15 de novembro no Concello da Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible