25 de novembro de 2020
Tras dezaseis anos desde a posta en marcha do proxecto realizáronse 190 postais, as últimas en liña
As postais planetarias comezaron en 2004 no marco das sesións «O ceo para informados», nas que -un por entón novísimo- Borja Tosar recolleu a luva do desafío que lles fixo Jaítos Medal ás persoas afeccionadas á astronomía que frecuentaban a sesión.
Iniciouse así unha colaboración mensual que, de forma ininterrompida, chega ata os nosos días. Foi ademais o primeiro proxecto que os Museos Científicos adaptaron ás circunstancias Covid, ao levalas do Planetario a un escenario non presencial, as redes sociais, xa no mes de marzo, baixo o nome Postal planetaria confinada.
Esta colaboración constitúe un dos mellores exemplos de como os Museos Científicos son un espazo de encontro para as persoas interesadas na educación, comunicación e divulgación da ciencia.
As postais planetarias volverán ao Planetario de forma presencial, pero mentres non poidamos volver xuntarnos conviventes e non conviventes á calor da escuridade, seguiremos nas redes sociais.
Postal do sábado 28 de novembro
Borja Tosar dedicará a postal deste último sábado de mes ao telescopio de Arecibo, un dos máis grandes e polivalentes radio-observatorios do mundo.
Por desgraza en agosto rompeu un dos cables que suxeitaban a estrutura principal de instrumentación e danou gravemente o disco reflector. A sobrecarga nos demais cables fixo que outro cedese hai apenas uns días. Coa estrutura a piques de colapsar a National Science Foundation, para non poñer en risco a persoas na reparación, decidiu desmantelar o telescopio, o que supoñerá a perda dun dos mellores observatorios da historia, así como unha das grandes iconas da astronomía.
Actividades relacionadas

29 de outubro de 2025
Un novo programa, dirixido a público familiar, que se incorpora á carteleira do planetario da Casa das Ciencias

24 de setembro de 2025
Unha exposición retrospectiva con imaxes de astronomía de Alfredo Madrigal, un dos grandes astrofotógrafos galegos da súa xeración

20 de setembro de 2025
Os Prismas de Bronce entregaranse nun acto que terá lugar o próximo 15 de novembro no Concello da Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible