11 de xullo de 2014
O Goberno local aproveitará a construción do aparcadoiro das Conchiñas para, ao mesmo tempo, reurbanizar os viarios da contorna
A Xunta de Goberno Local aprobou sacar a concurso as obras de mellora da accesibilidade de Capitán Troncoso con Xeneral Alesón, unha solución que proxecta a instalación dun ascensor de cristal que permite superar un desnivel de 10 metros de altura. Cun orzamento de 474.488 euros, o prazo de execución dos traballos, unha vez que se adxudiquen, será dun máximo de 7 meses.
Na sesión realizada esta mañá tamén se acordou urbanizar os viarios da contorna da praza das Conchiñas, compasando estas obras ás que xa se están executando na zona con motivo da construción do aparcadoiro subterráneo, polo que esta nova iniciativa non supoñerá ningún atraso na finalización do proxecto, fixado para o último trimestre deste ano. Tamén se deu luz verde a un convenio de colaboración coa Fundación Adcor por 61.000 euros.
ACCESIBILIDADE
O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, destacou que a licitación do proxecto para conectar a través dun ascensor os 10 metros de desnivel que separan as rúas Capitán Troncoso e Xeneral Alesón é un paso máis no compromiso do Goberno municipal de contar cunha cidade máis accesible e onde os peóns teñan cada vez máis protagonismo.
Unha vez aprobado na Xunta de Goberno o expediente de licitación, o Concello sacará a concurso o proxecto por un importe de 474.488 euros e un prazo máximo de execución de 7 meses. A solución adoptada permitirá un acceso cómodo e directo para os peóns, que actualmente vense obrigados a ter que subir a escalinata de Porta de Aires para chegar dende Capitán Troncoso a Xeneral Alesón.
O novo proxecto enmárcase dentro do Plan de Accesibilidade impulsado polo actual equipo de goberno e no que o xurado do concurso de ideas -o Concello contou coa colaboración dos colexios de Arquitectos; Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos; e Industriais- decidiu os proxectos gañadores para mellorar a mobilidade en cinco puntos singulares da Coruña: Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo; Marqués de Cerralbo; Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez; Mestre Clavé; e Capitán Troncoso con Xeneral Alesón.
Neste último caso, o primeiro premio foi para a proposta que consiste na instalación dun elevador dentro do propio muro de remate da rúa Troncoso para non reducir o ancho da vía nin obstaculizar as vistas das vivendas. Ademais, en Capitán Troncoso construirase unha sala abovedada como lugar de espera e resgardo, mentres que en Xeneral Alesón habilitarase un elemento de vidro curvo. O ascensor será de cristal.
O Concello xa sacou a concurso en maio o proxecto de accesibilidade de Mestre Clavé por un importe final de 1,39 millóns de euros e un prazo de execución de 11 meses. Neste caso, a solución consiste na colocación de 5 tramos de escaleiras mecánicas que permitirá salvar un desnivel de 18 metros e eliminar os 99 chanzos de Mestre Clavé que unen Juan Flórez con Sinforiano López.
Fernández Prado lembrou que en decembro do ano pasado xa se puxeron en marcha as primeiras escaleiras mecánicas nun espazo aberto na cidade: en concreto, na rúa Plaza, nas inmediacións do mercado de San Agustín, cun investimento de 133.846 euros. Esta semana, tamén se anunciaron os proxectos gañadores do concurso de ideas para mellorar a accesibilidade peonil á Cidade Vella e a muralla histórica dende o paseo do Parrote. Así, o acceso á muralla da zona do Hospital Abente y Lago e da Fundación Luis Seoane resólvese cunha escaleira lixeira metálica e un ascensor de vidro de dobre lámina de seguridade con capacidade para trasladar 1.100 persoas á hora (está deseñado para realizar o traxecto en 12 segundos e transportar 22 persoas).
AS CONCHIÑAS
A Xunta de Goberno Local aprobou encomendarlle á Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA), responsable da construción e posterior explotación do aparcadoiro das Conchiñas, a execución das obras de reurbanización dos viarios lindeiros á praza. Fernández Prado explicou que os traballos compasaranse aos da execución do aparcadoiro e da renovación da praza que se habilitará en superficie para o goce da cidadanía.
O tenente de alcalde explicou que esta obra supón mellorar o proxecto final pois, ademais de habilitar 230 prazas de aparcamento e unha zona pública en superficie con áreas de descanso e xogos infantís, agora completarase coa reurbanización dos viarios que rodean a praza: en total, será unha superficie de 2.628 metros cadrados na mazá comprendida entre as rúas Barcelona, Fuente Álamo, Corcubión e a avenida das Conchiñas.
O Concello estima que a execución destas novas obras supoñerán un investimento de 240.000 euros, aínda que en ningún caso significará un atraso na finalización dos traballos, pois está previsto que a reurbanización das rúas se acompase coa construción do aparcadoiro subterráneo e a praza. A previsión é concluír todas as obras no último trimestre deste ano.
Con esta nova actuación, a superficie que se urbaniza nas Conchiñas chega aos 8.600 metros cadrados. Trátase dun proxecto que xerou unha grande expectación, pois aumentouse o número de prazas de aparcamento nun 25% -das 185 previstas inicialmente ás 230-. A metade das prazas do novo aparcadoiro, de dúas plantas soto, serán en rotación -asegurando puntos de estacionamento para as persoas que vaian comprar ao mercado e as tendas da zona- e o outro 50% para vender e alugar.
Martín Fernández Prado lembrou que a praza en superficie contará cun deseño moderno e aberto, será máis luminosa e ofrecerá zonas de descanso e área de xogos infantís, ademais de plantar 75 árbores e integrar o mercado na propia praza proporcionando unha nova segunda fachada.
A esta obra encomendada a EMVSA na Agra do Orzán, súmanse outras importantes actuacións desenvolvidas neste barrio polo Concello e que supoñen un investimento próximo aos 15 millóns de euros, como a renovación das rúas Cuba e Entrepeñas, a apertura do centro Novo Boandanza ou a Aula de Emprego e a Escola de Emprendedores.
LICENZAS URBANÍSTICAS
A Xunta de Goberno tamén concedeu esta mañá permisos urbanísticos que supoñerán un investimento na cidade de 438.135 euros, o que eleva a cantidade dende o inicio do mandato ata case os 300 millóns. Destacan as licenzas para a reforma e instalación de tres ascensores en edificios das rúas Alfredo Tella, San Vicente e Fariña Ferreño, e un cuarto permiso para reformar o portal dun inmoble da Nova Travesía de Buenavista e baixar o elevador a cota de rúa.
SERVIZOS SOCIAIS
O Goberno municipal ten un especial interese por continuar coa estratexia marcada dende a Concellería de Servizos Sociais para traballar de maneira conxunta coas entidades e institucións da cidade que centran os seus esforzos nas persoas que teñen menos recursos ou que se encontran en risco de exclusión. Neste sentido, na Xunta de Goberno acordouse asinar un convenio coa Fundación Adcor para colaborar con 61.000 euros no seu programa de formación para o emprego e o tránsito á vida adulta de persoas con discapacidade psíquica. A través desta iniciativa, a entidade desenvolve accións dirixidas á adquisición de habilidades que posibiliten un maior grao de autonomía persoal e social dos usuarios de Adcor, así como a súa integración social e laboral.
Este acordo súmase aos dous convenios aprobados tamén hai unha semana en Xunta de Goberno para apoiar a Unidade Móbil de atención ao drogodependente da Asociación Cidadá de Loita contra a Droga (ACLAD), con 65.000 euros; e para o programa de Transporte Sanitario de Cruz Vermella, con 63.106,27 euros.
O tenente de alcalde Martín Fernández Prado tamén informou de que a Xunta de Goberno deu o visto e prace ao cesamento do director da Área de Servizos Sociais, á vez que aproveitou para agradecer o labor desenvolvido durante os tres últimos anos por José Luis Quintela, que contribuíu a desenvolver a filosofía marcada polo actual equipo de goberno de dar prioridade aos programas sociais, cun incremento do orzamento da Concellería de Servizos Sociais dun 20% para este ano con respecto ao 2011.
IGUALDADE
O Goberno local tamén aprobou o protocolo de actuación nos casos de acoso sexual, moral e por razón de xénero que o departamento de Persoal elaborou xunto aos representantes dos traballadores. Esta decisión enmárcase dentro da liña municipal de contar cun modelo baseado na participación activa dos empregados para velar polo seu benestar. Con esta medida, o Concello comprométese a seguir traballando para aplicar de forma activa políticas que fomenten o bo clima laboral.
DOAZÓN DE TROFEOS
O tenente de alcalde Martín Fernández Prado agradeceu que o Club A Coruña Fútbol sala, anteriormente denominado Club Discoteca Chaston, lle doase ao Concello os trofeos obtidos no Campionato de Liga Nacional de Fútbol sala da temporada 1983-1984 e a Copa de España de 1985-1986. A Xunta de Goberno aprobou aceptar estes trofeos de gran valor histórico e sentimental.
O Club Discoteca Chaston foi o equipo máis emblemático de fútbol sala na década dos anos 80 do século pasado, cando gañou dúas ligas (temporadas 1983-84 e 1984-85) e tres copas (1985-86, 1986-87 e 1987-88). Precisamente, os trofeos que se doan ao Concello son os primeiros que o club conseguiu en cada unha das competicións.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible