12 de xullo de 2014
O Goberno municipal busca, do mesmo xeito que na urbanización da Marina e do Parrote, mellorar a calidade de vida da cidadanía, xerar novas oportunidades para o comercio e a hostalería local e darlle o máximo protagonismo ao peón
A concelleira de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público, Begoña Freire, reuniuse esta mañá coas asociacións de veciños e comerciantes da Cidade Vella para detallarlles a primeira fase da peonalización do centro histórico, unha vella demanda dos residentes na zona e que, segundo lles comunicou a responsable municipal, se implantará a mediados de agosto.
Begoña Freire destacou que este proxecto nace co claro obxectivo de mellorar a calidade de vida dos residentes do centro histórico e das persoas que visiten unha das zonas máis emblemáticas da cidade. Esta proposta preséntase de acordo coas directrices do primeiro Plan Municipal de Mobilidade Sostible (PMUS) da Coruña e do futuro Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI), e tendo en conta os veciños e comerciantes do barrio, posto que a intención do actual equipo de goberno -do mesmo xeito que está a ocorrer nos proxectos de urbanización da Marina e do Parrote- é converter o peón no protagonista principal.
"Traslladeilles aos representantes dos veciños e comerciantes que a peonalización non só é un obxectivo do Goberno municipal, senón que tamén é dos veciños e comerciantes do barrio", sinalou a concelleira de Mobilidade, quen se reuniu esta mañá por terceira vez coas asociacións de veciños e comerciantes do centro histórico para profundar no plan de peonalización tan demandado durante anos polos propios residentes, que viron como se incumpriron de maneira sistemática os prazos que se marcaron anteriores responsables municipais para a súa execución. Na reunión de hoxe tamén estiveron presentes as concelleiras de barrio Susana Pazo e Carmen Hervada e o director da Área de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Carlos García Touriñán.
Begoña Freire sinalou que, tras unha análise exhaustiva por parte dos técnicos do seu departamento e recollendo a filosofía do PMUS, o Concello decidiu acometer a peonalización da Cidade Vella en dúas fases.
PRIMEIRA FASE
A concelleira de Tráfico e Mobilidade explicou que esta primeira fase implantarase a mediados de agosto, despois de abrir un prazo de solicitudes que en calquera caso simplificarase, dado que o Concello dispón de datos de vehículos censados, residentes empadroados e de actividades con domicilio na Cidade Vella. Esta primeira fase terá as seguintes características:
- A peonalización circunscribirase á zona intramuros do centro histórico, é dicir, a área comprendida entre Porta Real, o paseo do Parrote ata os xardíns de San Carlos, a rúa Maestranza, Campo da Estrada, Capitán Troncoso e praza dos Ángeles.
- Estará permitida a circulación na zona intramuros para todos os vehículos, pero só os residentes e os titulares de establecementos da Cidade Vella poderán estacionar dentro do centro histórico. No caso dos comerciantes, poderán aparcar para os labores de carga e descarga durante un tempo limitado dun máximo de 30 minutos. Ademais de garantir a carga e descarga, tamén se permitirán a parada dos servizos de emerxencias e para permisos especiais ou temporais.
- En todo momento garantirase o acceso aos portais e dos vehículos de emerxencias, ademais de respectarse as construcións de interese histórico e cultural existentes no barrio. Non se poderá estacionar en vías nas que o espazo libre que quede para a circulación -unha vez que aparque o vehículo- sexa inferior aos 3 metros de ancho.
- A velocidade máxima será de 10 quilómetros por hora naquelas rúas nas que só se debe circular para acceder a garaxes; mentres que a velocidade será de 20 km/h no resto de vías da zona intramuros e de 30 km/h na circunvalación perimetral.
- Para velar polo cumprimento desta primeira fase da peonalización, instalaranse sinais verticais de información e restrición nas portas ou accesos habilitados á Cidade Vella -informarán de que está prohibido estacionar con excepción de vehículos autorizados- e contarase coa presenza da Policía Local para comprobar as tarxetas de autorización dos vehículos, así como a legalidade do aparcamento.
SEGUNDA FASE
O Concello concluirá a recuperación do espazo peonil da Cidade Vella nunha segunda fase na que o funcionamento coordinarase co final das obras de urbanización da Marina:
- A circulación na zona intramuros do centro histórico limitarase exclusivamente a residentes e titulares de establecementos. Os residentes empadroados (propietarios e en arrendamento) poderán acceder á zona sen limitación de hora ou de día, do mesmo xeito que os servizos de emerxencias, de taxi e outros servizos autorizados.
- A circulación estará permitida a todos os vehículos no perímetro da Cidade Vella, creándose un anel de circunvalación que posibilitará o achegamento de calquera persoa ao centro histórico, impulsando así a revitalización e recuperación patrimonial e comercial da zona.
- O Goberno municipal habilitará prazas de aparcamento para os residentes do centro histórico no perímetro (fóra da zona intramuros). Por exemplo, na rúa Maestranza modificarase a circulación para que sexa dun único sentido, facilitando así a creación de máis prazas de estacionamento para os residentes. Calcúlase que se habilitarán un total de 300 prazas para residentes no perímetro da Cidade Vella.
- As zonas de carga e descarga terán o mesmo horario que existe noutras áreas peonís da cidade. Será entre as 07.00 e as 11.00 horas.
- Do mesmo xeito que na primeira fase da peonalización, en todo momento garantirase o acceso aos portais e dos vehículos de emerxencias, ademais de respectarse as construcións de interese histórico e cultural do barrio.
- Para velar polo cumprimento desta segunda e definitiva fase da peonalización, instalaranse sistemas de control de acceso (lectores da matrícula) de forma sincronizada coas restricións para dispoñer na Marina.
A concelleira de Mobilidade tamén explicou que se decidiu que a recuperación da Cidade Vella para os peóns se desenvolva en dúas etapas porque a primeira fase é necesaria para sincronizar o proceso coas obras da Marina, que xeraron un incremento da capacidade dos viarios dos paseos da Dársena e do Parrote, suprimindo o seu aparcamento, así como unha mellora da fluidez da propia avenida de Montoto. Ademais, o plan de tráfico está en constante seguimento técnico, desviouse o tráfico por outras vías e, mentres non se calme o tráfico nos paseos da Dársena e do Parrote, non é viable acometer os cambios de dirección necesarios para a segunda fase da peonalización. O obxectivo é que os sentidos de circulación e os accesos ao centro histórico sexan compatibles coa mobilidade na Marina e no Parrote unha vez que se finalice a urbanización. "O que si é agora viable é reducir o aparcamento no recinto intramuros e iniciar o proceso de sincronización para compoñer a imaxe final", sinalou Freire.
TARXETAS DE RESIDENTES E COMERCIANTES
A reunión desta mañá do Concello cos representantes veciñais e do comercio do centro histórico permitiu avanzar na planificación da peonalización, da que xa se informou a ambos os colectivos en dous encontros anteriores -o primeiro no Palacio Municipal de María Pita e o segundo durante un percorrido polas propias rúas do barrio para analizar in situ a peonalización-.
Begoña Freire explicoulles a veciños e comerciantes o procedemento que deberán seguir para obter unha tarxeta que os autorice para -ademais de circular polas rúas da Cidade Vella nesta primeira fase da peonalización do mesmo xeito que o resto de vehículos- poder tamén aparcar dentro da zona intramuros.
O Concello enviará unha carta tanto aos residentes empadroados na Cidade Vella -con vehículo ao seu nome e censado no barrio, e que se encontren ao corrente no pago dos impostos municipais- como aos titulares de establecementos con atención ao público na Cidade Vella e que tamén deberán estar ao corrente do pago dos seus impostos. Na carta indicaráselles un teléfono de información e un punto de atención ao público para a xestión da tarxeta. Ademais, informarase da documentación e requisitos necesarios segundo o tipo de permiso a través da páxina web do Concello e das follas informativas que terán á súa disposición no punto de atención ao público.
Begoña Freire explicou que tamén se expedirá unha tarxeta para necesidades especiais, como son as persoas con mobilidade reducida. Neste caso, a tarxeta incorporará a data de inicio e de fin da devandita autorización para estacionar.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible