
O Concello da Coruña, a través da Concellería de Seguridade Cidadá, Mobilidade e Interior, súmase un ano máis á celebración da Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa que promove hábitos de desprazamento máis sustentables, seguros, eficientes e inclusivos.
Baixo o lema "Mobilidade para todos", a edición deste ano pon o foco na necesidade de garantir que todas as persoas poidan acceder a opcións de transporte sustentables, independentemente dos seus ingresos, lugar de residencia, xénero, idade ou capacidades. O obxectivo é seguir avanzando cara a unha mobilidade máis equitativa, que contribúa a mellorar a calidade de vida da cidadanía e a construír unha cidade máis accesible e cohesionada.
Durante estes días, A Coruña acollerá diversas actividades dirixidas a fomentar o uso do transporte público, os desprazamentos a pé e en bicicleta, así como a concienciación sobre os beneficios sociais, ambientais e económicos dunha mobilidade sustentable.
A Semana Europea da Mobilidade constitúe unha oportunidade para reflexionar sobre como nos desprazamos e para impulsar cambios que permitan crear espazos urbanos máis seguros, saudables e amables para todas as persoas. A participación cidadá, a accesibilidade universal e a sustentabilidade son alicerces fundamentais desta edición, que convida a toda a sociedade a formar parte da transformación cara a unha mobilidade máis inclusiva.
A Coruña reafirma así o seu compromiso cun modelo de cidade que sitúa ás persoas no centro, promovendo alternativas de transporte que favorezan a igualdade de oportunidades, a redución de emisións e unha mellor convivencia no espazo público.
A Coruña inaugura a Semana Europea da Mobilidade 2026 na Praza de Tabacos
A programación arrincará oficialmente o mércores 16 de setembro ás 12:30 horas, cun acto na Praza de Tabacos, onde a alcaldesa da Coruña dará o pistoletazo de saída a unha semana repleta de actividades dirixidas a fomentar unha mobilidade máis respectuosa coa contorna e accesible para toda a cidadanía.
Ao longo da semana desenvolveranse numerosas propostas dirixidas á cidadanía, coa colaboración de entidades, asociacións e colectivos locais comprometidos coa mobilidade sustentable.
Este ano, a Praza de Tabacos converterase no gran punto de encontro da Semana Europea da Mobilidade. Para iso, instalarase unha carpa tripla expositiva na que a cidadanía poderá coñecer de primeira man o traballo que desenvolven distintos servizos e entidades comprometidas coa mobilidade sustentable e a mellora do espazo público.
Na carpa principal participarán Medio Ambiente, CIMoB, Policía Local, a Compañía de Tranvías e BiciCoruña, que ofrecerán información, exposicións e actividades divulgativas dirixidas a todos os públicos. Será unha oportunidade para descubrir iniciativas, proxectos e recursos que contribúen a construír unha cidade máis segura, accesible e sustentable.
Ademais, o recinto contará cunha carpa multiusos, concibida como un espazo dinámico no que se desenvolverá un amplo programa de actividades durante toda a semana. Talleres, demostracións, encontros e propostas participativas converterán este espazo nun dos principais atractivos da programación, as persoas visitantes poderán gozar dunha espectacular ortofoto da Coruña, que permitirá contemplar a cidade desde unha perspectiva única e camiñar literalmente sobre ela.
A Praza de Tabacos será así o corazón dunha Semana Europea da Mobilidade que convida á cidadanía para reflexionar sobre como nos movemos e a participar activamente na construción dunha mobilidade máis inclusiva, sustentable e accesible para todos.
Durante toda a Semana Europea da Mobilidade, a cidadanía poderá gozar dun amplo programa de actividades pensadas para todas as idades e públicos. Talleres, rutas, exhibicións, accións de sensibilización e propostas participativas encherán de vida a Praza de Tabacos e outros espazos da cidade, convidando a descubrir novas formas de desprazarse de maneira sustentable e segura.
Esta programación conta coa colaboración de numerosas entidades e colectivos comprometidos coa mobilidade sustentable e a seguridade viaria, entre eles Galicia Rollers, Stop Accidentes, Mobi-liza, Grumico, así como outras asociacións e organizacións que contribuirán con actividades divulgativas, demostracións e experiencias dirixidas a fomentar hábitos de mobilidade máis responsables.
a implicación destas entidades permitirá ofrecer unha programación diversa e enriquecedora que abordará aspectos tan importantes como a accesibilidade universal, a mobilidade activa, a educación viaria, a convivencia no espazo público e a redución do impacto ambiental dos nosos desprazamentos.
A Semana Europea da Mobilidade consolídase así como unha gran cita de participación cidadá, aprendizaxe e lecer, na que A Coruña volverá converterse nun escaparate de iniciativas que contribúen a construír unha cidade máis saudable, segura, inclusiva e sustentable para todos e todas.
Documentos relacionados
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible