20 de abril de 2021
O Concello materializa con estas obras unha demanda da asociación de veciños de Labañou, un barrio en que xa se acometeron actuacións na avenida de Gran Canaria, Francisco Rodríguez Otero e Sor Joaquina, co fin de responder así ás peticións formuladas polas persoas residentes
O Concello comezou as obras de reurbanización das rúas Cultura e Pintor Francisco Lloréns co obxectivo de mellorar a seguridade peonil e a accesibilidade na zona, polo que se aumentará a superficie tanto para o tránsito a pé como para o desfrute da veciñanza. Para conseguir unha mellora da calidade de vida, incorporaranse elementos de mobiliario como bancos e papeleiras e adecuaranse os xardíns con rega e árbores.
Desta forma, o Goberno local de Inés Rey materializa unha demanda da asociación de veciños de Labañou, un barrio en que xa se acometeron actuacións na avenida de Gran Canaria, Francisco Rodríguez Otero e Sor Joaquina, para responder así ás peticións formuladas polas persoas residentes. Cun orzamento de 347.500 euros, o Concello modernizará ambas as vías tras pavimentar tanto a calzada reservada a persoas transeúntes como a dos coches, e diferenciaraas desde o punto de vista da accesibilidade. Nos últimos 20 meses, investiuse en Labañou un total de 875.292 euros en obras de mellora do espazo público e preto de 150.000 euros en equipamentos públicos sen incluír a partida para Cultura e Pintor Lloréns.
En concreto, nestas dúas rúas reordenarase o aparcamento público e realizaranse melloras na rede de pluviais e fecais. Instalarase unha nova canalización municipal e axeitarase a sinalización segundo a distribución pensada. Deste xeito, os tres ramais deste cruzamento de vías terán un primeiro tramo onde as beirarrúas estarán a un nivel superior da estrada pero cun paso peonil previo sobre elevado para facer máis lento o tráfico. A idea deste goberno é que as persoas volvan ser as protagonistas absolutas, polo que esta actuación entra dentro do plan Coruña Camiña que supón a creación de espazos urbanos de calidade para a veciñanza.
Pola contra, no cambio do cruzamento destes tres ramais, haberá unha única plataforma, de maneira que a zona exclusiva para as peoas e peóns e a calzada para vehículos situaranse á mesma cota.
Para marcar os distintos usos, empregaranse bordos delimitadores e diferentes pavimentos. Ao seren as dúas dun único sentido de circulación, disporanse prazas para estacionamento en liña nun lado ou en ambos da rúa e nas dúas marxes da beirarrúa, que terá un ancho mínimo de 2,20 metros. Está previsto que estes traballos se executen en oito meses.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible