Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de maio de 2026

A Casa das Ciencias estrea unha mostra divulgativa sobre a eclipse solar do vindeiro 12 de agosto

A exposición inclúe oito paneis con historia sobre as eclipses, as súas características e pautas para a súa observación. Xa está aberta á cidadanía na explanada exterior do museo

O Concello da Coruña reforza a súa programación cultural de cara á eclipse total de Sol que se poderá ver o día 12 de agosto na nosa cidade. Con actividades xa en marcha como talleres formativos para profesionais do sector educativo e as sesións en directo no Planetario, agora súmase unha nova exposición divulgativa nos exteriores da Casa das Ciencias.

A mostra, composta por dous cubos de gran tamaño, presenta oito paneis gráficos con información, imaxes e infografías que expoñen cuestións científicas, culturais e sociais relacionadas coas eclipses.

Un dos paneis, titulado «Eclipses de Sol», explica en que consiste este evento astronómico, a súa xeometría e os astros involucrados. O segundo deles, dedicado á «Anatomía da totalidade», expón as características máis rechamantes que se poden observar durante unha eclipse total, como a coroa solar, o chamado anel de diamantes ou as perlas de Baily.

A información dos paneis esténdese ao titulado como «Cuestión de perspectiva», que conta por que as eclipses de Sol son tan pouco frecuentes. En «Perseguindo a sombra da Lúa» destácase que a península Ibérica será o escenario de tres eclipses de Sol (en 2026, 2027 e 2028) e cales serán as súas traxectorias.

O panel «Planifica a eclipse da túa vida» ofrece información sobre como escoller un lugar adecuado para a observación, as fases da eclipse e, o máis importante, as medidas de seguridade que debemos ter en conta para preservar a saúde dos nosos ollos.

Tamén hai un panel dedicado á «Historia das eclipses», que aborda desde as primeiras ideas, cheas de misterio e superstición, ás expedicións astronómicas para estudalas, e outro sobre a ciencia detrás das eclipses, xa que contribuíron a realizar e consolidar descubrimentos científicos.

Esta exposición, habilitada para a súa descarga a través desta ligazón, acompaña ao programa de planetario «3CLIPSE», que se presentará nas próximas semanas. Un proxecto de divulgación no que participan máis de trinta planetarios, museos e centros de ciencia e que conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

"O Concello está a se preparar desde hai meses para que o 12 de agosto sexa unha xornada a non esquecer na historia da cidade. Por iso temos organizadas moitas actividades formativas e culturais e mesmo aplicacións para permitir que os cidadáns poidan atopar lugares onde ver o eclipse en cada un dos barrios", indicou a alcaldesa, Inés Rey.

Dous visores interactivos para facilitar a observación da eclipse

A observación da eclipse solar do vindeiro 12 de agosto é un dos eventos máis destacados deste ano na Coruña. Por iso, e ante a elevada afluencia prevista nesa data, o Concello habilitou dous visores interactivos concibidos para facilitar o seguimento da eclipse desde múltiples puntos da cidade.

Isto non só permite evitar desprazamentos innecesarios polo interior da cidade, senón visibilizar espazos de proximidade desde os que poder desfrutar desta experiencia, enclaves que, en cada barrio, posibilitarán a observación da eclipse con comodidade e seguridade.

Os visores xa están dispoñibles e visibles ao público interesado na web do Concello.

Tamén che pode interesar

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión