Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de xullo de 2026

A Coruña acollerá este outono o ciclo Son & Mar, con doce grandes citas culturais e musicais no porto da cidade

O programa desenvolverase entre setembro e outubro con concertos, festivais temáticos, actividades familiares e propostas para todos os públicos promovidas polo Concello

O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo, impulsa unha nova edición de Son & Mar A Coruña, un ciclo cultural e musical que converterá o porto da cidade nun dos grandes escenarios do outono galego cunha programación composta por doce eventos entre os meses de setembro e outubro. A iniciativa combinará concertos, festivais temáticos, actividades familiares e propostas de acceso gratuíto, reforzando a posición da Coruña como destino de referencia para o turismo cultural e de eventos.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou este martes na presentación da programación. "Grazas ao impulso dado polo Goberno de Inés Rey, continuamos a reforzar o  posicionamento da Coruña como unha cidade capaz de atraer grandes eventos ao longo de todo o ano, ampliando a oferta cultural máis aló da tempada estival e xerando novas oportunidades para o sector turístico e hostaleiro", indicou Castro, que destacou a confluencia das diferentes institucións públicas participantes (Concello, Autoridade Portuaria e Xunta de Galicia) para acadar un ciclo de tan alto nivel.

Ao longo de case un mes de programación, máis de trinta artistas locais, nacionais e internacionais participarán nunha proposta que aposta pola diversidade musical e pola creación de experiencias dirixidas a públicos de diferentes idades e intereses. O ciclo reunirá estilos como o pop, o indie, a música urbana, o reggaetón, a electrónica ou a música de raíz galega, sempre cun elemento común: a celebración da música xunto ao mar

Castro subliñou tamén que "este ciclo encaixa perfectamente na estratexia municipal de apostar por unha programación diversa, aberta a todos os públicos e capaz de combinar grandes nomes internacionais co talento galego, levando ademais a actividade cultural a un espazo tan singular como o porto da Coruña".

O ciclo arrancará o 18 de setembro coa actuación do recoñecido DJ e produtor italiano Gabry Ponte, unha das figuras internacionais máis destacadas da música dance, e continuará cun programa que inclúe propostas tan diversas como o Picapop Tardeo, as xornadas familiares de Mundo Juego, a fusión de música electrónica e flamenco de Sacro Mestiza, a cita urbana Dale Flow ou a festa internacional Bresh XXL.

A programación reserva tamén un espazo destacado para a creación galega a través de propostas como Orballo Cultural e Treboa Sonora, ao tempo que incorpora eventos gratuítos orientados á participación cidadá, consolidando Son & Mar como unha iniciativa cultural aberta e accesible. "O noso obxectivo é que a Coruña siga sendo un referente cultural no noroeste peninsular e que eventos como Son & Mar sirvan para atraer visitantes, dinamizar a economía local e ofrecer á cidadanía unha programación atractiva e de calidade", engadiu Gonzalo Castro.

A programación culminará o 11 de outubro coa celebración do Wake Up! Festival, unha gran festa dedicada á música electrónica que porá o broche final a un ciclo chamado a consolidarse como unha das principais citas culturais do outono galego.

Programación de Son & Mar A Coruña 2026

  • 18 de setembro | Gabry Ponte
  • 19 de setembro | Picapop Tardeo. Sesión musical con DJs e grandes éxitos do pop nacional e internacional.
  • 20 de setembro | Mundo Juego (gratuíto). Xornada familiar con actividades e propostas participativas.
  • 25 de setembro | Sacro Mestiza. Fusión de música electrónica e flamenco creada polo dúo Mestiza.
  • 26 de setembro | Dale Flow. Noite dedicada ao reggaetón e aos novos sons urbanos e latinos.
  • 27 de setembro | Orballo Cultural (gratuíto). Encontro arredor da música galega e da cultura de raíz.
  • 2 de outubro | Equis. Proposta centrada nas novas tendencias musicais contemporáneas.
  • 3 de outubro | Treboa Sonora. Festival dedicado ao talento musical galego emerxente e consolidado.
  • 4 de outubro | Mestizo Runner (gratuíto). Evento que combina música, deporte e participación cidadá.
  • 9 de outubro | Bresh XXL. A popular festa internacional chega ao porto da Coruña cun gran formato.
  • 10 de outubro | One Dance. Edición Tardeo. Homenaxe á música dance das décadas dos 90 e 2000.
  • 11 de outubro | Wake Up! Festival. Clausura do ciclo cunha gran celebración da música electrónica.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión