29 de abril de 2017
O alcalde, Xulio Ferreiro, presentou esta fin de semana, na Asemblea Xeral do organismo celebrada en Viana do Castelo, a aposta “pola economía azul” do Goberno local a través da súa proposta para os peiraos interiores
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou esta fin de semana na Asemblea Xeral da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA), organismo do cal o Concello forma parte. Na xuntanza do Buró Executivo, que tivo lugar onte pola tarde, o rexedor presentou a candidatura da cidade da Coruña á presidencia da Comisión Temática Modelo de Cidade Participativa, unha proposta que foi aceptada, por unanimidade, esta mañá pola Asemblea Xeral. Deste xeito, "A Coruña converterase na localidade de referencia do arco atlántico no ámbito da participación e da innovación democrática", afirmou o alcalde, quen ocupará o cargo de presidente deste comité. "O liderado nesta comisión confirma a aposta clara do Goberno local pola participación cidadá e os mecanismos de democracia directa que vén implantando este executivo desde a súa chegada a María Pita", destacou Ferreiro, quen lembrou que A Coruña acollerá, na segunda metade do ano 2018, o IV Encontro Ibérico da Democracia e os Orzamentos Participativos, "o encontro peninsular máis relevante neste campo". "Na Coruña estamos a dar pasos de xigante, se temos en conta o deserto que precedía á participación cidadá antes de xuño de 2015. Hoxe comprometémonos non só a compartir as nosas ferramentas de traballo, senón a obter resultados que poidan ser aplicados na realidade diaria das cidades membros da Conferencia das Cidades do Arco Atlántico. Hoxe eliximos traballar en rede con outros municipios co obxectivo de mellorar a vida das persoas que neles habita, ao tempo incrementa a calidade democrática das súas contornas públicas e privadas", expuxo o primeiro edil.
A proposta do Goberno local desenvolverase a través de tres grandes bloques, que inclúen a colaboración directa coas institucións europea, a formulación e liderado de iniciativas que poidan formar parte de proxectos ou convocatorias europeas, e afondar nas ferramentas de traballo postas en marcha polo executivo coruñés durante o seu mandato. Así, os Orzamentos Participativos serán a liña de traballo na que se abordará no período dos anos 2017 e 2018, que dará paso aos procesos de a innovación democrática e metodoloxías de coprodución de políticas públicas, nos que se afondarán nos anos 2018 e 2019. Finalmente, neste mesmo ano 2019, o fío condutor será o goberno aberto, transparencia e datos abertos, nos que o Goberno local dará especial relevancia a plataforma na que a cidade está a traballar en colaboración con Santiago de Compostela, Madrid e Zaragoza a través dun programa de Red.es, e que conta con financiamento Feder e do Fondo Social Europeo. "Desde A Coruña entendemos que o compromiso coas prácticas de participación e de innovación democrática pasan por compartir o traballo que se está a realizar, para impulsar novas iniciativas ou debates tanto na propia Conferencia, como de cara a Unión Europea", sinalou o alcalde e novo presidente da Comisión.
Ademais da selección das presidencias das Comisións Temáticas da Conferencia e durante a celebración da Asemblea Xeral, o rexedor compartiu no día de hoxe mesa redonda con Sylvie Guerry --alcaldesa de Clavette, vicepresidenta de La Rochelle Agglomération e vicepresidenta da CCAA-- que tiña como principal asunto abordar cuestións relativas á Renovación urbana: as cidades atlánticas e as zonas portuarias. Na súa intervención, Ferreiro trasladou a experiencia da Coruña na relación entre o porto e o municipio, así como "o debate público que se está a manter na cidade" en relación aos convenios urbanísticos de 2004, "e que hoxe hipotecan o futuro do noso bordo litoral". "Temos ante nós unha nova oportunidade, como é a de definir un novo horizonte litoral. Impulsalo require dun amplo debate público que conte con participación global, e que parta de premisas como a titularidade e xestión pública a reconquista da cidade do seu litoral e o relanzamento dos usos produtivos do porto", explicou o alcalde. "Desde o Goberno local debemos acompañar a demanda cidadá e facilitar un debate amplo e transversal co que se acade un gran pacto de cidade no que se involucre a toda a veciñanza", incidiu.
A este respecto, o rexedor presentou a proposta do Goberno local de novos usos dos peiraos interiores, e que inclúen, no caso de San Diego, a creación do Distrito do Mar, "un entorno orientado á economía azul e centrado en sectores estratéxicos en Galicia, como a pesca". "A Coruña reúne todas as condicións necesarias para impulsar un ecosistema de innovación arredor do mar e que estea conectado coa cidade e a súa veciñanza para contribuír a derrubar a barreira que hoxe separa o porto do municipio", explicou. "Este Distrito, orientado á innovación e á creación de proxectos de impacto, pode agrupar centros tecnolóxicos, equipamentos de aprendizaxe, industrias intelixentes de pequena escala e nulo impacto ambiental ou actividade pesqueira que potencien novas oportunidade; e que estea conectado coa cidade e a súa veciñanza", sinalou.
O alcalde referiuse tamén aos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, nos que se proxecta establecer o Museo do Mar e a Emigración. "Hoxe en día, a Coruña conta cunha cociente de espazos libres por debaixo das recomendacións da OMS. Estes peiraos, poden un novo mascarón de proca, un novo espazo público aberto con zonas verdes, unha alameda sobre o auga encabezado por un gran centro sobre a cultura marítima en todas as súas manifestacións", engadiu.
Por outra banda, na xornada de onte o primeiro edil coruñés asistiu ao Seminario do Comité das Rexións da Unión Europea sobre A axenda marítima da UE: unha visión territorial. A continuación, participou na xuntanza do Buró Executivo, no que se abordou un debate arredor do Libro Blanco sobre o Futuro de Europa, presentado recentemente polo presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, e as consecuencias do Brexit. Nesta reunión tamén participaron, ademais de Ferreiro, e Sylvie Guerry Gazeau, o presidente da Conferencia, José María Da Cunha; a alcaldesa de Santander, Gema Igual; o alcalde de Plougastel e vicepresidente da área metropolitana de Brest, Dominique Cap; o tenente alcalde de Avilés, Manuel Campa; e o responsable de Asuntos Europeos das Cidades Atlánticas, Martin Joubert. A xornada de traballo do venres pechouse cun debate arredor da Estratexia Marítima Atlántica e a defensa da dimensión territorial do Arco Atlántico para acadar unha política marítima eficaz.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible