Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de xullo de 2026

A Coruña obtén o selo «Más Bici» que outorga La Vuelta como recoñecemento ás sedes comprometidas co uso cotián da bicicleta

A candidatura da cidade herculina, presentada polo Concello, foi valorada positivamente pola organización tras acoller en maio a terceira etapa da competición feminina

A Coruña vén de ser recoñecida co distintivo «Más Bici», que outorga La Vuelta, en recoñecemento aos avances experimentados pola cidade á hora de apostar pola mobilidade sostenible, promocionando o uso cotián da bicicleta como medio de transporte no día a día.

A candidatura da Coruña, que foi meta da terceira etapa de La Vuelta Femenina en maio deste ano, foi presentada polo Concello e valorada positivamente por un xurado de persoas expertas en políticas ciclistas, integrado por representantes da Red de Ciudades y Territorios por la Bicicleta (RedBici) e a consultora internacional Copenhagenize.

Neste sentido, o selo «Más Bici» naceu o ano pasado coa inclusión das cinco primeiras cidades en recibir esta distinción: Barcelona, Bilbao, Madrid, Valladolid e Zaragoza. Agora, A Coruña súmase a outras 17 localidades do país que obtiveron este recoñecemento, comunicado formalmente ao Concello esta semana.

Na avaliación das candidaturas presentadas, o xurado estudou as accións desenvolvidas por cada sede de La Vuelta en favor da bicicleta, sobre cinco eidos clave: gobernanza, infraestruturas, servizos e educación, deporte e turismo. No caso da urbe herculina, o informe de La Vuelta reflicte que a cidade progresa cara a mobilidade sostible grazas ao éxito consolidado do servizo municipal BiciCoruña e a declaración da Coruña como Cidade 30, que regula a convivencia viaria.

Ademais, o dito informe destaca as boas prácticas existentes en materia de educación e concienciación, con programas formativos como a Escola da Bici, da asociación Mobi-liza, o apoio prestado desde áreas municipais como Deportes, que promoven a organización de competicións federadas e marchas populares, e tamén a estratexia existente en materia de turismo, como a conexión segregada do carril urbano co Camiño Inglés.

A alcaldesa, Inés Rey, valorou moi positivamente a concesión deste selo, "que supón un pulo moi destacado para avanzar na liña de traballo destes últimos anos", sustentada en tres eixos clave: o incremento das infraestruturas ciclables -en seis anos duplicouse a rede existente na cidade por riba dos 53 quilómetros-, a renovación de BiciCoruña -que conta agora con 79 bases operativas entre os diversos barrios da cidade- e a actualización das normativas de mobilidade anteriormente vixentes.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión