Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

30 de mayo de 2026

A Coruña pon en marcha un proxecto participativo pioneiro que implica a técnicos, axentes sociais e veciñanza no futuro deseño do bordo urbano de Loureiro

O Concello está a integrar na mesa de traballo desta innovadora iniciativa, a primeira que aplica en España unha metodoloxía de planeamento xa implementada en cidades como Viena

A Coruña vén de poñer en marcha un proxecto de innovación urbana concibido para definir, de forma colaborativa, o peche noroccidental da cidade polo lugar de Loureiro, un dos retos pendentes no planeamento da urbe herculina.

Esta iniciativa, da que forma parte o Concello, concibiuse como un espazo de traballo compartido no que distintos perfís técnicos, institucionais e sociais participan de forma activa na construción dunha visión común sobre o futuro deste ámbito estratéxico.

Tal e como valorou o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, este proxecto supón, a efectos prácticos, a primeira aplicación en España dunha metodoloxía de planeamento recoñecida internacionalmente, xa implementada en cidades como Viena (Austria) e que recibiu numerosos galardóns como o Holcim Bronze Award (Europe) ou o Premio Nueva Bauhaus do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE). Este enfoque, impulsado polo estudio de arquitectura e urbanismo Arenas Basabe Palacios, foi sinalado polo Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana como referencia para novas formas de planificación urbana no contexto español.

"O obxectivo é definir, de forma colaborativa, as bases para completar o futuro deseño do bordo urbano entre San Pedro de Visma e Os Rosales. Faise cunha perspectiva de futuro e coa premisa de consensuar, entre todas as partes implicadas, como será o desenvolvemento do ámbito, integrando coñecemento experto, sensibilidade social e visión estratéxica", expuxo Díaz Gallego, que puxo en valor esta iniciativa pola súa identidade participativa e polas dinámicas colaborativas xa activas. "Trátase de que os cidadáns poidan implicarse directamente na planificación urbana, de que non perciban como algo alleo o deseño futuro da súa cidade senón que participe nel coas súas aportacións e suxestións", indocou o concelleiro sobre un proceso que xa está en marcha e que ten como obxectivo escoitar todas as sensibilidades. 

Detectar necesidades dotacionais e de equipamentos

Este proxecto está baseado na organización de talleres e mesas de traballo entre administracións públicas, expertos multidisciplinares (urbanismo, paisaxe, sostibilidade...), académicos, promotores e axentes sociais.

"Entendemos que esta metodoloxía garante a calidade técnica das propostas e, ademais, xera consensos amplios e unha maior lexitimidade social do proxecto", indicou o edil, que apuntou que, nos últimos meses, o grupo de expertos implicado nesta iniciativa vén traballando na detección de criterios e solucións vencelladas a vivenda, mobilidade, paisaxismo e enerxía, que se contrastarán coa veciñanza dos barrios próximos.

A este respecto, proximamente porase en marcha un proceso de información e consulta coas asociacións veciñais e outros colectivos, o que permitirá adaptar o proxecto ás necesidades e expectativas das veciñas e veciños da contorna, combinando así o coñecemento técnico co sentir e demandas das persoas residentes.

Mellorar a conectividade entre barrios

Como precisou Francisco Díaz Gallego, este proceso é un punto de partida para deseñar o bordo urbano entre Rosales e San Pedro de Visma, caracterizado por desenvolvementos fragmentados que non chegaron a configurar un peche coherente da cidade. A partir deste traballo conxunto, plantéxase artellar un modelo urbano estruturado en torno ao regato de Loureiro, que mellore a conectividade entre barrios.

Ademais, a proposta na que se está a traballar busca conectar grandes espazos verdes como o Monte de San Pedro e o parque de Bens, mediante un corredor ecolóxico que preserve os valores ambientais na contorna do Portiño e reforce a relación da cidade coa súa paisaxe atlántica.

"Temos unha gran oportunidade para situar á Coruña á vangarda das novas formas de facer cidade, a través dun modelo no que a planificación vai moito máis alá do deseño físico e constrúese como un proceso aberto, compartido e capaz de implicar a técnicos, axentes sociais e veciñanza para traballar en común", valorou Díaz Gallego sobre un plan pioneiro que proximamente convocará tamén ás entidades e representantes veciñais da contorna para escoitar as súas achegas.

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión