17 de agosto de 2026
A tradicional celebración do barrio recupera un ano máis a memoria do cultivo dos amorodos en Eirís cunha xornada festiva que se prolongará desde as 13.00 horas ata a noite
O barrio de Eirís celebrará mañá, martes 18 de agosto, unha nova edición da tradicional Festa da Fresa, unha das citas máis arraigadas da programación festiva do barrio e que volverá reunir veciñanza e visitantes arredor da gastronomía, a música, o deporte e as actividades para todos os públicos.
A celebración mantén viva a vinculación histórica de Eirís co cultivo dos amorodos, un produto polo que as hortas desta zona da cidade foron coñecidas durante décadas. Esa memoria agrícola continúa presente cada verán a través da exposición e da tradicional degustación gratuíta de amorodos, que volverá ser un dos momentos centrais da xornada.
A programación comezará ás 13.00 horas cunha festa da escuma na cúpula do parque de Eirís. Unha hora despois, ás 14.00 horas, terá lugar a sesión vermú coa actuación da veciña Lidia Sueiro. Como novidade nesta edición, haberá tamén paella gratuíta para acompañar as consumicións. As propostas destinadas ás familias continuarán pola tarde. Desde as 16.00 e ata as 21.00 horas haberá inchables de balde para as nenas e nenos. Ás 17.45 horas será a quenda da Agrupación Cultural Donaire, que ofrecerá unha actuación de baile tradicional.
"O Goberno de Inés Rey está a facer un importante esforzo para promocionar as festas en todos os barrios da cidade, tamén en Eirís, e coido que co respaldo do Concello estamos a acadar unha importante dinamización da cidade levanto a axenda musical e de ocio a cada recuncho da Coruña", indicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
Os amorodos, protagonistas ás 19.00 horas
Ás 18.30 horas abrirase a tradicional exposición de amorodos e, media hora máis tarde, ás 19.00 horas, comezará a degustación gratuíta na contorna da cúpula do parque. Esta actividade constitúe cada ano un dos momentos de maior participación da Festa da Fresa e serve para manter viva a memoria do pasado agrícola de Eirís. Nas últimas edicións, a celebración consolidouse ademais como un punto de encontro que atrae non só a veciñanza do barrio, senón tamén persoas procedentes doutros puntos da cidade.
O deporte volverá ter un peso destacado na programación coa celebración do IX Torneo de Fútbol Festa da Fresa. Ás 19.00 horas disputaranse simultaneamente o encontro de fútbol 7 feminino entre o Eirís SD e o Cercedense e o partido dos Genuines do Eirís SD fronte ao Torre. Ás 20.00 horas será a quenda do fútbol sénior masculino, co encontro entre o Eirís SD e o Caión. A entrega de trofeos está prevista para as 20.45 horas.
Circo, música folk e verbena para completar a xornada
A programación cultural continuará ás 20.00 horas co espectáculo de circo e música de Peque Disco Moc Moc, unha proposta especialmente dirixida ao público familiar. Xa ás 21.00 horas subirá ao escenario Culimaia, que ofrecerá un concerto de música folk. O grupo repite así presenza nunha celebración coa que mantén unha vinculación continuada nos últimos anos.
O peche chegará ás 23.00 horas coa verbena da Orquestra Solara, que porá o punto final a unha xornada de máis de dez horas de actividades no barrio. A Festa da Fresa forma parte da aposta por estender a programación festiva aos distintos barrios da Coruña, poñendo en valor celebracións de forte arraigo veciñal e contribuíndo a preservar a identidade e as tradicións propias de cada zona da cidade.

17 de agosto de 2026

17 de agosto de 2026

16 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible