1 de outubro de 2026
O Concello colabora nesta iniciativa, que se celebrará os días 3 e 4 de outubro con música, obradoiros e actividades abertas á participación do barrio
O parque do Observatorio acollerá esta fin de semana a Festa dos Coidados, unha iniciativa aberta á veciñanza que terá como actividade central a creación colectiva do mural de gran formato «Rede de coidados». A artista Laura Caneira, responsable do deseño, coordinará a realización da obra o sábado 3 e o domingo 4 de outubro, de 12.00 a 20.00 horas en ambas as xornadas.
A iniciativa está promovida por Arquitectura Sen Fronteiras e o Máster Universitario en Políticas Sociais e Intervención Comunitaria (MOPS) da Universidade da Coruña, coa colaboración do Concello da Coruña na celebración da festa e, especialmente, na realización do mural. As actividades desenvolveranse no parque do Observatorio, situado na rúa Canceliña, ao final da rúa Barcelona.
A concelleira de Benestar Social, Nereida Canosa, destacou esta iniciativa no marco das políticas de proximidade e atención aos barrios impulsadas durante o mandato do Goberno de Inés Rey. "Esta festa pon en valor a importancia dos coidados e das redes de apoio que se crean nos barrios, facendo partícipe á propia veciñanza e reforzando os vínculos comunitarios na Agra do Orzán", sinalou Canosa.
O mural é froito do traballo desenvolvido polo alumnado da materia Xénero e Coidados do MOPS, a cargo de Antía Pérez, xunto con veciñas e veciños e coa colaboración de Laura Caneira e Arquitectura Sen Fronteiras. As historias compartidas polas persoas participantes serviron de inspiración para unha obra centrada nas redes comunitarias e de apoio mutuo existentes na Agra do Orzán.
O deseño recrea unha escena no propio parque na que aparecen persoas de diferentes idades e orixes que se abrazan, len, xogan cun papaventos ou se acompañan entre a vexetación. A creación da obra estará aberta á participación cidadá, polo que as persoas que se acheguen ao parque poderán colaborar na elaboración do mural ao longo das dúas xornadas.
A programación comezará o sábado ás 11.30 horas cunha presentación a cargo de Agra Barrio de Coidados e Mapa de Coidados, coa participación da veciñanza e de colectivos do barrio. Posteriormente, entre as 12.30 e as 14.00 horas, Silvia Penide ofrecerá un concerto acompañado dunha conversa co público.
Durante toda a fin de semana desenvolveranse tamén os obradoiros de bombas de sementes «Poñámonos Verdes», ademais de exposicións vinculadas ao proxecto e a Árbore dos Desexos, unha iniciativa a través da que as persoas participantes poderán expresar e compartir as súas propostas e desexos para o barrio.
A Festa dos Coidados enmárcase no programa de educación "Agra: barrio de coidados», que Arquitectura Sen Fronteiras desenvolve desde setembro de 2023 en consorcio coa Universidade da Coruña e cofinanciado pola Cooperación Galega.

30 de setembro de 2026

29 de setembro de 2026

28 de setembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible