6 de marzo de 2026
As familias con alumnado xa matriculado nas EIM poderán solicitar a súa continuidade ata o día 12. Xa o venres 13 publicarase na páxina web do Concello a bolsa de prazas libres para novos ingresos
O vindeiro luns, día 9, o Concello porá en marcha os preparativos do curso 2026-27 nas escolas infantís municipais, que abrirán o prazo de solicitudes e posibilitarán que as nenas e nenos xa matriculados -e que desexen seguir nas EIM- poidan reservar a súa praza ou solicitar traslado ata o xoves 12 deste mes.
Será o punto de partida desta nova campaña nas EIM, que continuará o venres 13 coa publicación das vacantes para novos ingresos. A partir de aí, o próximo paso será a apertura da preinscrición en liña, entre o 16 e o 30 de marzo. A resolución definitiva será o 30 de xuño, sendo entre o 1 e o 10 de xullo cando estará aberto o prazo de matrícula.
A alcaldesa, Inés Rey, expuxo a importancia deste servizo público que, desde o pasado mandato, é gratuíto para as familias. Foi unha medida pioneira en Galicia que, agora, avanza un paso máis: tal e como se aprobou esta semana en Xunta de Goberno, establécese a gratuidade do horario ampliado. Na práctica, isto supón que as crianzas que, por circunstancias excepcionais, deban permanecer na escola máis de 8 horas (máximo 10) o farán de balde. Só se pagará polos servizos complementarios de comedor escolar.
Unha lista de agarda única para o conxunto da rede das EIM
Outro dos aspectos destacados das novas bases de admisión nas EIM é a supresión das convocatorias extraordinarias. A partir deste curso, o Concello xestionará ata finais de ano unha lista de agarda única para o conxunto da rede das EIM, o que facilitará a oferta de prazas nas escolas a medidas que queden dispoñibles e axilizará así o acceso directo ás familias demandantes, sempre que haxa vacantes nalgunha das oito escolas.
Isto supón un cambio substancial na forma de proceder neste sentido, xa que, ata agora, a listaxe de agarda era por escola infantil.
A maiores, no caso de circunstancias excepcionais que xurdan durante o curso escolar, como un traslado á cidade da Coruña pola metade do curso ou outras circunstancias debidamente xustificadas, poderase obter praza nunha escola infantil se existe vacante e non hai lista de agarda. Isto, sen necesidade de que se realice unha convocatoria extraordinaria ou sen que se participase na ordinaria.
O Concello da Coruña xestiona, a través das respectivas empresas concesionarias, oito escolas infantís: Arela (Elviña), Carricanta (O Castrillón), Os Cativos (Palavea), Agra do Orzán, Os Rosales, A Caracola (Novo Mesoiro), a Luís Seoane e a EIM de Monte Alto, esta última renovada ao abeiro das obras de remodelación do mercado municipal do barrio e que, segundo as previsións dos servizos municipais, abrirá no mes de setembro.
También te puede interesar
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible