Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de xullo de 2026

A terceira edición de ‘A Coruña, que bonito!’ reúne 43 propostas gastronómicas elaboradas con bonito da Lonxa da Coruña

As xornadas celebraranse ata o 16 de agosto e contarán coa participación de 26 establecementos hostaleiros da cidade

O Concello da Coruña presentou esta mañá unha nova edición das Xornadas Gastronómicas 'A Coruña, que bonito!', unha iniciativa coa que o Goberno de Inés Rey continúa a apostar pola promoción do produto local, o impulso do turismo gastronómico e o apoio ao sector hostaleiro da cidade. Nesta terceira edición participarán 26 establecementos, que ofrecerán ata o vindeiro 16 de agosto un total de 43 elaboracións co bonito da Lonxa da Coruña como gran protagonista.

A presentación contou coa participación do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, quen destacou a consolidación dun evento que xa se converteu nunha cita de referencia do calendario gastronómico estival da cidade. "Estas xornadas permiten poñer en valor un dos grandes tesouros da nosa gastronomía mariñeira, apoiar o consumo de produto de proximidade e seguir reforzando a imaxe da Coruña como destino gastronómico de primeiro nivel", sinalou.

Castro tamén puxo o foco no papel da hostalería local: "A Coruña conta cun extraordinario talento culinario e iniciativas como esta serven para amosar a capacidade dos nosos restaurantes e cociñeiros para innovar a partir dun produto excelente, mantendo ao mesmo tempo o vínculo coa nosa tradición pesqueira".

O bonito, un dos peixes máis representativos da costa atlántica, alcanza durante os meses de verán o seu mellor momento de consumo. Tras pasar os meses de inverno en augas máis cálidas, regresa ao norte na procura de alimento, dando lugar a unha campaña curta que fai destas semanas o período idóneo para gozar dun produto de gran calidade, recoñecido polo seu sabor, textura e valor nutricional.

As persoas que se acheguen aos establecementos participantes poderán atopar desde elaboracións tradicionais, como o marmitako, o bonito á galega, a ventresca ou diferentes escabeches, ata propostas máis innovadoras inspiradas na cociña contemporánea, entre elas tartares, tatakis, ceviches ou xildas elaboradas co bonito da Lonxa da Coruña. Ademais, algúns locais incluirán recomendacións de maridaxe con cervexas 1906 de Estrella Galicia, empresa colaboradora da iniciativa.

Os 26 establecementos participantes nesta terceira edición son: Asador Coruña, Miña Nai, A Sella Cervecería, La.Con.Fusión, Casa Matilde, Cosecha 81, Terreo Cocina Casual, Greca Bar, Salitre, Restaurante Morriña, Cantón 23, Vermutería Martínez, Restaurante La Marola (Hotel Zenit), Arraigo, La Sinfonería Gastrobar, Rincón del Reino, Culuca, Taberna da Galera, Taberna da Tabacalera, A Pulpeira de Melide, Sr. Limón, Ultramarinos Galera, Bodega 1981, A Espiga, Restaurante Pracer e Restaurante Mesón de Herves.

Con esta nova edición de 'A Coruña, que bonito!', o Concello reafirma o seu compromiso coa promoción dos produtos da Lonxa da Coruña, coa dinamización da hostalería local e coa creación de experiencias gastronómicas que contribúan a fortalecer a atracción turística da cidade durante a tempada estival.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión