26 de setembro de 2018
O executivo municipal estimou unha das 15 alegacións presentadas pola Compañía de Tranvías, actual concesionaria do servizo en réxime de prórroga, de forma que as posibles sobrecompensacións que se detecten no beneficio da empresa se calcularán a peche de exercicio
O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, explica que o executivo municipal aprobará unha revisión de tarifas que deriva da necesidade de adaptar o réxime tarifario á normativa europea, tal e como indicou a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, e en base a un estudo sobre o custo do transporte urbano
A Xunta de goberno local de mañá xoves aprobará a revisión das tarifas do transporte público de viaxeiros e viaxeiras da Coruña, para axustalas ás esixencias recollidas no regulamento europeo 1370/2007, así como á aplicación dos principios de beneficio razoable. Desta forma, o prezo do billete ordinario quedará establecido en 1,20 euros. Da mesma forma, a tarifa da tarxeta Millennium baixaría case un 12%, até os 75 céntimos. O billete social reducirase até 23 céntimos, en máis dun 30%, mentres que o billete universitario custará 30 céntimos. Ademais, o executivo municipal tamén aprobará a creación dun novo perfil de bono bus para menores de 13 anos que, desta forma, poderán viaxar a custe cero, así como estenderá o transbordo gratuíto en todas as liñas urbanas. Do mesmo xeito, e segundo hoxe explicou en rolda de prensa o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, os acordos da Xunta de goberno tamén inclúen unha modificación das denominadas tarifas de recorrencia, de forma que as persoas con tarxeta Millennium e cun perfil xeral verán como, a partir das 44 viaxes mensuais, o importe máximo a pagar quedará marcado en 33 euros (fronte aos 37,70 actuais, o que representa unha baixada dun 11,7%). Do mesmo xeito, as persoas usuarias de bono social verán modificada tamén a contía da súa tarifa de recorrencia a partir das 70 viaxes, que pasará a ter unha "tarifa plana" de 16,10 euros (un 30% menos do importe actual).
O concelleiro Díaz Grandío indicou que a revisión de prezos deriva da necesidade de adaptar o réxime tarifario á normativa comunitaria, "algo de indiscutible aplicación ao caso e de indubidables efectos" sobre a relación derivada do convenio subscrito no seu día entre Concello e adxudicataria do servizo de transporte público urbano, a Compañía de Tranvías. Na súa exposición, o edil explicou que a revisión de tarifas é unha consecuencia, precisamente, da necesidade de adaptar as compensacións que o Concello paga á Compañía de Tranvías, actual concesionaria do servizo en réxime de prórroga, aos mandados do dereito comunitario e aos principios do beneficio razoable, evitando calquera sobrecompensación á empresa "que puidese ser considerada axuda de Estado non compatible co mercado interior". O responsable municipal indicou que os acordos que mañá adoptará a Xunta de goberno local non só se basean na necesaria adaptación á normativa comunitaria, senón que, ademais, contan co aval da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), así como están baseados en estudos xurídicos e económicos contrastados.
O CNMC, organismo que goza dun recoñecido prestixio, tal e como se especifica nos propios documentos da Asesoría Xurídica, emitiu un informe o pasado mes de abril no que consideraba que "o réxime económico aplicable á concesionaria para o ano 2018 necesita obrigatoriamente axustarse ás esixencias recollidas no regulamento 1370/2007". A Comisión concluíu tamén a necesidade de adoptar as medidas pertinentes para cuantificar o beneficio razoable e os custos que tería unha empresa que levara a cabo o servizo de transporte público, xa que só unha vez realizada esa cuantificación se poderían realizar os axustes pertinentes para evitar sobrecompensacións. Para garantir esta cuestión, o Concello encargou "un estudo do custo do transporte urbano na cidade en aplicación do regulamento europeo e do principio do beneficio razoable". "O citado estudo fai unha análise de todos os custos económicos que ten para a compañía prestataria a asunción de todas as obrigas do servizo público, máis a aplicación dun beneficio razoable que, nestes casos, está cuantificado nun 6%. En base ao mesmo e ao xa proposto e analizado coa CNMC, o pasado mes de xuño trasladouse á concesionaria do servizo público unha referencia das cuestións que se propuñan aplicar para adaptar o réxime económico da concesión", relatou Grandío. "Posteriormente, ao longo do verán, e sen que nese momento constase por parte do Concello ningunha alegación da empresa, o goberno local redactou a proposta que mañá será aprobada pola Xunta de goberno local", comentou o titular e Mobilidade Sostible. A proposta foi trasladada de forma oficial no mes de agosto tanto á empresaria concesionaria como á Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios, abríndose un trámite de audiencia de 10 días. Ademais da rebaixa tarifaria, o goberno local tamén indicaba a necesidade de descontar das facturas pendentes de abono á compañía a cantidade correspondente á non aplicación das novas tarifas no que vai de ano, sempre co obxectivo de evitar unha sobrecompensación á adxudicataria que poida ser considerada axuda de estado.
No período de audiencia, tan só a Compañía de Tranvías presentou alegacións: un total de 15, das que foron desestimadas 14 en base á elaboración de distintos informes xurídicos e económicos que xustificaban que as contas e estimacións incluídas polo Concello eran correctas. Segundo comentou Díaz Grandío, a única alegación estimada foi a que apuntaba á necesidade de demorar o desconto na facturación derivado de posibles sobrecompensacións ao momento do peche do exercicio. Desta forma, a Xunta de goberno local tamén aprobará mañá que "as contas que a empresa presente no primeiro semestre de cada exercicio con respecto ao ano anterior" serán as utilizadas para comprobar a execución das obrigacións do servizo público, así como as variables que se utilizan para calcular o custo total e de explotación da empresa, "de forma que se poidan tomar as medidas pertinentes no réxime económico que permitan axustar a corrección das contías previstas á realidade do exercicio pechado". "En definitiva, a revisión do réxime económico, para compensar os beneficios excesivos no caso de ser necesario, producirase ao peche das contas anuais, unha vez coñecidos os resultados da empresa", aclarou o concelleiro.
Aplicación da nova tarifa
A preguntas dos medios, o concelleiro de Mobilidade Sostible comentou que a aprobación da revisión de prezos é unha medida que lle corresponde á Xunta de goberno local, xa que o réxime tarifario está regulado por unha ordenanza non fiscal, que segue en vigor agás naquelas partes que deben ser inaplicadas por resultar contrarias ao regulamento comunitario. "O procedemento é o mesmo que se leva aplicando en todas as revisións de tarifas dos últimos 10 anos, sendo a súa aprobación inicial cousa da Xunta de goberno local que debe, posteriormente, remitir os acordos, para o seu visto e prace definitivo á Comisión de Prezos da Xunta de Galicia", evidenciou Grandío, quen especificou a vontade do executivo municipal "de adoptar a medida da nova tarificación o día 1 despois de que a administración autonómica a valide".
"Non barallamos a posibilidade de que a Xunta non aprobe esta revisión das tarifas ante as consecuencias xurídicas, económicas e políticas que tería", dixo, á vez que recordou que, até o de agora, "a Comisión de Prezos nunca dou para atrás ningún expediente". "Agardamos, por tanto, que se tramite coa mesma celeridade e coa mesma normalidade coa que se tramitaron todos os expedientes anteriores", dixo.
Cadro de persoal da concesionaria
Na súa comparecencia ante os medios, o concelleiro reiterou que a adaptación do réxime económico desta concesión á normativa europea "non implica, en ningún caso, que a empresa concesionaria deixe de ter un beneficio razoable, polo que non caben repercusións económicas sobre o cadro de persoal da empresa". "Todos os informes económicos sobre os que se sosteñen estas propostas de revisión tarifaria referendan os custos salariais do persoal laboral que ten a empresa, custos que se basean ademais no seu convenio colectivo", dixo.
"O comité de empresa da Compañía de Tranvías foi coñecedor de todos os pasos dados neste tempo polo goberno local, así como de todas as consecuencias que podían ter para a actual concesionaria. Podemos certificar que todos os informes que elaboramos contemplan e inclúen a masa salarial completa que teñen garantida, polo que a empresa non tería ningún tipo de xustificación para repercutir a baixada nos prezos do billete ao salario dos traballadores", insistiu.

17 de decembro de 2025

16 de decembro de 2025

15 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible