11 de xaneiro de 2017
O edil sinala que o pasado mes o aeroporto coruñés recibiu a 84.223 persoas pasaxeiras, cifra que supuxo no histórico das instalacións “o seu segundo mellor decembro”
O concelleiro de Economía e Emprego, Alberto Lema, vén de valorar os datos do tráfico de persoas pasaxeiras deste 2016 no aeroporto de Alvedro, ano no que o aeródromo coruñés superou o millón de usuarias, acadando a cifra total de 1.063.291 pasaxes, o que supón un aumento dun 3,7% respecto ao ano 2015. O edil valorou positivamente a cifra, a cal cualificou de "satisfactoria", posto que sitúa o ano que vén de rematar "como o quinto mellor dato do histórico dispoñible de Alvedro en canto ao número de pasaxeiros que voaron desde A Coruña". "Os datos referendan a estratexia deste Goberno local para o aeroporto", afirma o responsable municipal, "posto que, se temos en conta que este ano houbo unha alta taxa de desvíos, en particular no mes de febreiro, o balance final anual mostra uns datos moi positivos de crecemento". Nesta sentido, o concelleiro sinala que neste 2016, o executivo coruñés mantivo a tendencia de aumento no aforro sobre os convenios aeroportuarios, aos que destinará 1,3 millóns de euros o próximo ano, "ao tempo que se amplía o número de asentos", e recorda que no 2015 a negociación coas aeroliñas supuxo un aforro de 1,6 millóns de euros en relación ao custo comprometido ese ano polo anterior executivo local. "As cifras do balance anual mostran, pois, que o retorno entre o que investimento que fai o Concello e o número final de persoas pasaxeiras é moi bo, e que a proposta de traballo do Goberno local para Alvedro están ben deseñada", expón, ao indicar ademais o aumento que tamén experimentan tanto o tráfico de operacións (6,5% máis respecto ao 2015) como o de mercancías (31% sobre o ano anterior).
Nesta liña, o responsable da área de Turismo asevera tamén que o pasado mes de decembro Alvedro acadou a cifra de 84.223 persoas que voaron desde a cidade, o que supón un incremento dun 4% sobre a cifra rexistrada no mesmo período de 2015, "e o sitúa como o segundo mellor decembro do histórico do aeroporto".
O concelleiro avanza que, de cara o 2017, "o balance positivo continuará", pois o executivo coruñés seguirá a traballar para aumentar o tráfico do aeroporto "e incorporar máis competencias en forma de novas compañías". "Estamos seguros que esta tendencia positiva de incremento de viaxeiras e viaxeiros tamén se confirmará o ano que vén, pois por fin estará dispoñible unha reclamación histórica da cidadanía como é a terceira frecuencia diaria con Barcelona todo o ano, o que suporá unha subida considerable no número de persoas viaxeiras e que, por tanto, repercutirá positivamente no balance anual", valora.
En canto aos desvíos que se poidan producir nos próximos meses "e reducir así sensiblemente o número total de persoas viaxeiras", Lema lembra que o executivo coruñés solicitou de forma reiterada ao Ministerio de Fomento "que implante as medidas necesarias para que, ante condicións meteorolóxicas adversas, sexa máis doada e posible a aterraxe desde a cabeceira sur do aeroporto". "Visto que a ampliación da pista non solventou o problema de operatividade, cómpre buscar desde a administración estatal unha solución adecuada, xa que esta falla supón un custe importante para a cidade", afirma o edil. Ao fío, o responsable municipal tamén insta á Xunta de Galicia "a facerse cargo das súas responsabilidades" e achegar "unha proposta de coordinación" entre os tres aeroportos galegos. "Levamos máis dun ano agardando por algún tipo de achega desde a Xunta que non da chegado", asegura, "nin se albisca que nun futuro próximo se faga. Este mapa aéreo é necesario para colaboración entre as cidades e ampliar así as posibilidades da marxe de mellora en canto ao tráfico dos tres aeródromos".

18 de maio de 2026

15 de maio de 2026

11 de maio de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible