22 de febreiro de 2023
A sede electrónica, o rexistro electrónico, o taboleiro de edictos electrónico e demais sistemas e instrumentos do Concello implantaranse e entrarán en funcionamento nun prazo non superior a dous anos
Hoxe, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao proxecto da Ordenanza reguladora da administración dixital do Concello da Coruña, unha iniciativa orientada a mellorar os servizos ofrecidos á cidadanía, ás empresas e ás demais institucións públicas e privadas desde a Administración municipal.
"É necesario adaptar a nosa ordenanza e a nosa organización aos novos tempos, mellorando os servizos ofrecidos á cidadanía, ás empresas e ás institucións públicas", apuntou hoxe o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage.
Por exemplo, a ordenanza abrangue a implantación dunha rede de apoio á administración dixital, que plantexa dous tipos de oficinas de atención presencial: unha, de atención cidadá, que asuma as funcións das oficinas de asistencia en materia de rexistro, co obxectivo de axudar a todas aquelas persoas que precisen de asistencia no manexo dos medios dixitais e o uso da firma electrónica, entre outros aspectos; e, ademais, puntos especializados de apoio para a realización de trámites en determinadas materias, como no caso das actuacións e xestións urbanísticas.
Por outra banda, a creación do arquivo dixital único suporá o almacenamento por medios electrónicos, un proceso seguro e confidencial, dos documentos administrativos que se xeren en procesos desta tipoloxía, así como a correcta xestión e conservación dos mesmos a longo prazo.
Neste sentido, a ampliación e actualización de servizos da sede electrónica, o rexistro electrónico, o taboleiro de edictos electrónico e demais sistemas e instrumentos do Concello implantaranse e entrarán en funcionamento nun prazo non superior a dous anos.
A reurbanización da praza Pintor Laxeiro
Por outra banda, na XGL aprobouse tamén o proxecto de mellora da seguridade na contorna do CEIP Salgado Torres e a reurbanización da praza Pintor Laxeiro, no barrio de Elviña.
O proxecto abrangue diversas intervencións orientadas á renovación dos pavimentos, a reorganización das áreas de beirarrúa, calzada e estacionamento, a instalación dunha nova área de xogos infantís, a mellora da rede de pluviais, a optimización da rede de alumeado público para gañar en eficiencia enerxética, e a mellora estética xeral da praza Pintor Laxeiro.
O proxecto de Pintor Laxeiro, cun orzamento de 406.284 euros, é un dos que optan a financiamento na segunda edición dos Next Generation.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible