10 de setembro de 2026
Música en directo, actividades familiares, gastronomía e propostas para todos os públicos protagonizarán dúas das citas festivas da Coruña destes días
O Concello da Coruña continúa esta fin de semana co programa de Festas de Barrio, unha iniciativa que apoia e impulsa as celebracións populares nos distintos distritos da cidade. Nesta ocasión, os barrios da Falperra e de Oza serán os protagonistas dunha programación que combina música en directo, actividades para a infancia, propostas gastronómicas e encontros veciñais.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia destas celebracións para a vida comunitaria da cidade. "As festas dos barrios son unha expresión fundamental da identidade da Coruña. Son espazos de convivencia, participación e encontro que contribúen a fortalecer os vínculos veciñais e a dinamizar a actividade social e cultural dos distintos distritos", sinalou. O Goberno de Inés Rey destina este ano 500.000 euros ás diferentes asociacións veciñais para a organización destes festexos.
As festas da Falperra regresan coa súa duodécima edición
A rúa Industrial acollerá os días 12 e 13 de setembro a duodécima edición do Día do Comercio na Rúa, principal actividade das festas do barrio da Falperra.
A programación do sábado arrancará coa inauguración a cargo de Pura, a Vienesa, e continuará coa actuación de El Corta, sesión de DJ, exhibición de baile a cargo de Danza 10, o concerto de Varela & Rois e a actuación nocturna de Carlos Bau & 80 Razones. Ás 18.00 horas celebrarase tamén a tradicional festa da escuma.
O domingo continuará a actividade cunha sesión vermú protagonizada por Version's Band, seguida dos concertos de La Indirigible e Son de Camagüey, encargados de pechar as celebracións. Durante ambas xornadas haberá ademais xogos infantís e actividades pensadas para o público familiar.
Oza celebra unha nova edición das súas festas populares
O barrio de Oza desenvolverá as súas festas entre os días 11 e 13 de setembro cun programa centrado na música ao aire libre e na cultura sound system. A primeira xornada, o venres 11, contará coas actuacións de Vedic Roots e Delirium Soundsystem.
O sábado 12, o parque de Oza converterase nun gran espazo musical entre as 18.00 e as 02.00 horas coa participación de Bass Dealer Soundsystem, Rebel-I, chegado desde Perú, Soundkilla e Trasnos in Dub Sistema de Son.
A programación concluirá o domingo 13 cunha sesión máis familiar que contará coas actuacións de Los Alcántara e El Jaleo de Lía, entre as 13.30 e as 17.00 horas.

10 de setembro de 2026

9 de setembro de 2026

9 de setembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible