Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de xuño de 2017

Concello da Coruña e Real Club Deportivo reforzan a súa relación ao asinar un novo acordo de colaboración en temas como o deporte base, o estadio de Riazor ou a difusión da imaxe da cidade

“Imos máis alá da reforma das cubertas co obxectivo de crear un marco que tamén axude a un salto de calidade do club que será bo para toda a cidade”, indicou o alcalde Xulio Ferreiro

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, compareceu este mércores no estadio de Riazor xunto co presidente do Real Club Deportivo da Coruña, Constantino Fernández, para dar conta dos acordos subscritos polo Concello e o Club, dirixidos a estreitar a colaboración na promoción da práctica deportiva, mellorar as infraestruturas deportivas da cidade e fomentar o deporte base, co máximo aproveitamento das oportunidades que xera a participación do Dépor nas principais competicións futbolísticas.  "Damos un paso máis alá na relación entre o Concello e o Deportivo e entre o Deportivo e a cidade, que ata o de agora estaba demasiado limitada ás cuestións do estadio e que agora se ampliará ao crear este novo marco, que ademais da obra municipal xa anunciada sobre as cubertas do estadio abre novas vías de colaboración en cuestións de imaxe de cidade ou de apoio ao deporte base", indicou o rexedor.

O acordo alcanzado, e que se plasma nunha addenda ao marco de colaboración subscrita pola administración local e o club en agosto do ano 2000, levará ao Dépor a impulsar o deporte base a través de achegas -entre elas técnicas- ás Escolas Deportivas Municipais. Do mesmo xeito, o club promoverá accións de promoción do estadio como imaxe representativa da cidade, así como accións de difusión da mellora das instalacións.

A ese fin, e tal e como se recolle na addenda ao acordo asinado polas dúas entidades no ano 2000, o Concello comprométese a realizar, con cargo ao seu orzamento, as obras de renovación da cuberta do estadio de Riazor, a fin de dotar a infraestrutura da calidade e a seguridade requiridas para a súa utilización por parte do club e para o coidado da cidadanía que por milleiros acode ao recinto municipal. O Real Club Deportivo, pola súa banda, realizará no estadio obras complementarias das realizadas polo ente municipal para mellorar a imaxe exterior, con intervencións na fachada, conforme ao proxecto que sexa consensuado co Concello, e asumirá -unha vez remate e se entregue a obra agora prevista- os custos de mantemento e conservación da cuberta, actualmente a cargo do concello.

"O Dépor é un símbolo popular da cidade e con este acordo tamén queremos desde o Concello axudar a que dea un salto de calidade, xa que o que é bo para o Dépor é bo para o deportivismo e o que é bo para o deportivismo é bo para A Coruña", engadiu o alcalde Ferreiro en relación a unha addenda "que crea un marco que iremos desenvolvendo". Nela maniféstase xa que ambas institucións "recoñecen e comparten a importancia do deporte na sociedade, como forma de ocio saudable e como fonte de relación social, actividade económica e emprego", poñendo especial énfase no feito de que "o deporte base completa o proceso educativo das persoas, socializa a quen o practica, constitúe o xeito máis saudable de orientar o tempo libre e nutre oportunidades de futuro ao deporte profesional" que no "alto nivel supón, ademais, importantes retornos para a cidade, polo seu estímulo ao turismo, á hostalería, ao comercio e, de forma indirecta, a todos os sectores económicos, ademais da importancia que ten para a imaxe de marca da cidade dispor dun representante nas grandes competicións do deporte máis seguido no mundo". "Todos e todas as coruñesas temos experiencias nas que o Dépor resulta a mellor forma de indicar a nosa procedencia cando estamos lonxe", indicou Ferreiro.

Así mesmo, en virtude do acordo subscrito esta mañá, o Deportivo recoñece ao Concello da Coruña como colaborador, de xeito que a súa identidade corporativa figurará como tal nos actos deportivos ou de comunicación que se leven a cabo no marco dos espectáculos futbolísticos organizados polo club, xa sexa de forma directa ou os organizados a través das organizacións da RFEF, FIFA, UEFA ou calquera outro organismo estatal ou internacional con competencias en materia de fútbol profesional.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión