Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de xuño de 2026

Está previsto que esta semana comece a instalación da madeira que completará os novos bancos

Comeza a nova fase das obras de remodelación dos Cantóns, que se estenderán ata a praza de Mina a partir do vindeiro luns 8 de xuño

Os traballos suporán a transformación integral do cruzamento entre Sánchez Bregua, Juana de Vega, rúa Compostela e Cantón Pequeno, para gañar seguridade viaria, accesibilidade e mellorar a mobilidade xeral

As obras de remodelación dos Cantóns, promovidas polo Concello co obxectivo de modernizar e transformar o corazón urbano da cidade, avanzan a bo ritmo e afrontarán unha nova fase de actuacións a partir do vindeiro luns 8, cando comezarán os traballos previstos na praza de Mina e a súa contorna.

Esta nova fase iníciase co obxectivo de axilizar as obras no acceso principal aos Cantóns mentres continúan as tarefas no Cantón Grande, o Cantón Pequeno e Entrexardíns, onde os operarios proseguen co acondicionamento dos espazos públicos ampliados ao abeiro deste proxecto, que permitiron ir gañando superficie peonil desde a Mariña ao Obelisco, e agora, pouco a pouco, cara á praza de Mina.

Esta formulación, coas obras divididas en fases diferenciadas dende a Mariña á praza de Mina -e non ao revés-, permitiu avanzar coa execución das obras sen que estas tivesen un impacto directo na mobilidade e o tránsito que entra e sae de Juana de Vega.

Agora, a previsión dos servizos municipais é iniciar a nova fase de traballos que permitirá transformar de forma integral a praza de Mina. A súa futura imaxe, que será visible nas vindeiras semanas a medida que avancen os traballos, prevé conectar a rúa Compostela co Cantón Pequeno a través dun percorrido peonil máis seguro e accesible.

A alcaldesa, Inés Rey, fixo fincapé na importancia desta medida, "a peonalización da rúa Compostela, concretada no pasado mandato, asentou a súa identidade como porta de entrada a pé aos Cantóns por Juana de Vega, polo que é fundamental adecuar o conxunto da praza de Mina para reforzar a seguridade viaria e mellorar a mobilidade neste punto, atendendo aos fluxos de tránsito das peoas e dos peóns".

Ademais, a calzada entre Sánchez Bregua e a praza de Mina adaptarase no acceso e saída do Cantón Pequeno para delimitar un carril por sentido para a circulación do tráfico rodado, ao igual que no conxunto dos Cantóns.

Por outra banda, e nesta fase das obras, na beira dos Xardíns de Méndez Núñez tamén se dará continuidade ao novo treito de carril-bici, bidireccional, que se está a construír ao longo dos Cantóns, e que substituirá o anterior percorrido -habilitado durante a pandemia de forma transitoria, e que contaba con carrís segregados a un lado e ao outro dos Cantóns-.

Tarefas no novo mobiliario urbano

A piques da posta en marcha da nova fase de obras en Praza de Mina, proseguen os traballos nos Cantóns, onde se están a completar tarefas relativas ao mobiliario urbano.

Neste sentido, está previsto que ao longo destes días comecen os traballos para instalar as pletinas de aceiro inoxidable e os listóns de madeira que completan as novas bancadas de pedra dos Cantóns. "Como xa informamos previamente, estabamos pendentes desta subministración para rematar os traballos nos bancos", expuxo a alcaldesa. As actuacións levaranse a cabo nos vindeiros días entre a rúa Manuel Casás, a praza da Aduana, a contorna do Teatro Colón e tamén o Obelisco.

Tamén che pode interesar

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión